-->

A USC colabora co Concello na actualización do padrón fiscal da taxa de recollida do lixo

 

O concelleiro padronés Javier Guillán informa que o seu departamento está a realizar unha revisión exhaustiva do padrón fiscal da taxa de recollida do lixo en colaboración con técnicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Segundo explica, este labor de actualización das unidades fiscais está xustificado porque "levaba certo tempo sen realizarse" e porque "temos constancia de que hai tanto particulares como negocios que se están a beneficiar do servizo da recollida e xestión de residuos sen abonar a correspondente taxa".  

"Por responsabilidade e equidade fiscal, o xusto para os contribuíntes que si están a cumprir co pago da taxa é que todos os beneficiarios do servizo fagan o mesmo e, por iso, con esta revisión pretendemos facer aflorar a eses particulares e negocios que aínda non están incorporados no padrón fiscal da taxa", asegura Guillán.

Con tal finalidade, insta a todos aqueles cidadáns, autónomos ou empresarios que poidan atoparse en dita situación a que acudan calquera martes ata o mes de xuño ao consistorio, en horario de mañá, onde serán atendidos por persoal técnico da universidade compostelá, que é a encargada de realizar esta actualización do padrón fiscal do lixo. Ademais, apunta que calquera contribuínte que xa está a pagar a correspondente taxa pero que teña algunha dúbida, incidencia ou discrepancia tamén pode acudir os martes ao consistorio para solventala.

Para Javier Guillán, "a actualización do padrón fiscal do lixo permitirá incrementar os ingresos dun servizo que actualmente é deficitario desde o punto de vista económico, pero

que desde o goberno queremos seguir mellorando con novos investimentos para dotalo de máis contedores e para avanzar na recollida selectiva".

Tarifas anuais

Cómpre lembrar que as tarifas anuais correspondentes á taxa da recollida de lixo son as seguintes:

  • Vivendas unifamiliares no rural: 43,17 euros
  • Vivendas no casco urbano: 64,47 euros
  • Cafetarías, bares e semellantes: 132,58 euros
  • Discotecas, pubs, cines e semellantes: 229,75 euros
  • Comercios en xeral, panadarías, oficinas e profesionais independentes: 106,10 euros
  • Hoteis e semellantes de menos de 10 habitacións: 123,75 euros
  • Hoteis e semellantes de 11 a 50 habitacións: 176,80 euros
  • Hoteis de máis de 50 habitacións: 441,95 euros
  • Restaurantes sen servizo de vodas: 176,80 euros
  • Restaurantes con servizo de vodas: 441,95 euros
  • Supermercados e outras áreas comerciais de menos de 75 m2: 220,92 euros
  • Supermercados e outras áreas comerciais de máis de 75 m2: 883,79 euros
  • Gasolineiras, almacéns, talleres e garaxes: 141,39 euros
  • Talleres mecánicos con exposición e venda de vehículos e concesionarios: 185,63 euros
  • Bancos e caixas de aforro: 220,92 euros
  • Farmacias, clínicas, pompas fúnebres e tanatorios: 194,45 euros
  • Fábricas en xeral: 388,90 euros

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…