Print this page
-->

O alcalde de Padrón reúnese coa secretaria xeral de Emprego para coñecer de primeira man as axudas para a contratación de perceptores da Risga

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, mantivo hoxe no consistorio unha reunión de traballo coa secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, para coñecer de primeira man as diferentes liñas de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria ás administracións locais. Neste encontro, Covadonga Toca adiantou que esta mesma semana sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas nas que o Goberno autonómico investirá preto de 7 millóns de euros para a contratación de 1.420 desempregados nos concellos de Galicia.

Por un lado, a consellería destinará 5,7 millóns de euros para a contratación de 800 persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) en 192 concellos, tendo preferencia, ao igual que o pasado ano, aquelas persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e as que teñan cargas familiares. Con independencia da duración do contrato, o período que financiará a Xunta con estes apoios, que van dirixidos a concellos e as agrupacións de concellos, será de sete meses. A convocatoria sairá publicada no DOG este venres, polo que o prazo de solicitude abrirase o luns 15 de xaneiro e rematará o 12 de febreiro.

A contía que se conceda será a equivalente ao importe necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo o convenio colectivo vixente. Para a resolución das axudas terase en conta o número de desempregados e a evolución do paro rexistrado entre 2013 e 2017 de cada localidade, así como a evolución da poboación neste período e o número de perceptores da Risga a 31 de decembro deste ano.

Covagonda Toca informou tamén ao alcalde padronés que, doutra banda, o Goberno galego destina 1,3 millóns de euros para a inserción no mercado de traballo de 620 persoas sen emprego en 150 concellos e que realizarán obras ou servizos de interese xeral ou social. Nesta convocatoria terán preferencia os servizos relacionados con Protección Civil e seguridade das persoas e bens, especialmente os proxectos que correspondan a servizos de salvamento e socorrismo. Esta orde de axudas publicarase no DOG o xoves 11 de xaneiro, polo que as solicitudes poderán realizarse desde o venres 12 de xaneiro e ata o luns 12 de febreiro.

A secretaria xeral de Emprego resaltou que con estas dúas convocatorias de axudas, ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunda na mellora da súa empregabilidade e que facilita a súa futura inserción no mercado de traballo. Ademais, segundo indicou, o obxectivo é apoiar á Administración local na dinamización da súa economía e seguir contribuíndo a mellorar a inserción laboral no territorio galego.

As dúas accións forman parte da Axenda 20 para o Emprego coa que a Xunta está impulsando a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego. De feito, Galicia pechou 2017 con 21.713 afiliados máis que en 2016, a maior subida da última década. O paro baixou o pasado ano nun 10,15% con respecto a 2016 e na evolución mensual foi o primeiro mes de decembro no que se produciu un descenso do desemprego de toda a serie histórico.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…