A Oficina Municipal de Turismo de Padrón rematou o exercicio de 2017 establecendo un novo récord na cifra anual de visitantes atendidos ao rexistrar un total de 51.832 persoas, o que supón un incremento dun 39,5% fronte aos 37.133 visitantes recibidos en 2016.
Segundo o balance dos técnicos municipais de turismo, o 43,3% dos visitantes (22.404) achegáronse á oficina de forma individual, en parella, en familia ou con amigos -dos cales 10.005 foron peregrinos-, mentres que o 56,7% restante (29.428) correspondeu a grupos máis numerosos que foron atendidos desde a oficina.
As estatísticas revelan que o 88% das 51.832 persoas que pasaron pola Oficina de Turismo visitaban Padrón por primeira vez, fronte ao 12% que xa estivera na capital da Comarca do Sar en ocasións anteriores. En canto aos motivos polos que acudiron a Padrón, o Camiño de Santiago foi a principal razón (39% dos turistas), seguido das recomendacións de terceiros (26%) e da gastronomía (11%).
Visitantes procedentes ata da Antártida
En canto á orixe dos turistas, o 85% proviña do territorio nacional, sendo Andalucía, Madrid e Castela e León as comunidades que máis visitantes aportaron. Respecto ao 15% chegado do estranxeiro, unha gran maioría (88%) procedía de países europeos, fundamentalmente Portugal, Alemaña e Francia, mentres que un 9% chegou do continente
americano, principalmente de Estados Unidos, Arxentina e México. En canto ao 3% restante dos visitantes estranxeiros, proviñan case totalmente dos continentes africano e asiático, concretamente de países como Xapón, Líbano, China, Sudáfrica, Israel, Corea ou Dubai, rexistrándose incluso algún visitante da Antártida.
Balance "totalmente satisfactorio"
A concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, considera que o balance da Oficina de Turismo no ano 2017 é "totalmente satisfactorio" e responde ao "excelente traballo que están a realizar os técnicos na implementación do Plan de Acción de Turismo", así como á ampliación do horario de atención ao público da oficina, abrindo de luns a domingo e facéndoo de forma continuada desde as 9.00 ata as 21.00 horas na tempada estival.
Ao respecto, a concelleira salienta que os técnicos da Oficina de Turismo proporcionan aos visitantes un servizo o máis completo posible, dentro do cal o 89% da información subministrada está centrada en Padrón e na súa contorna, mentres que o 11% corresponde a atractivos doutras zonas de Galicia.
Berce do Xacobeo
Ademais, Lorena Couso destaca que "Padrón segue a recuperar peso no contexto da tradición xacobea", posto que o 39 por cento dos turistas chegaron a Padrón por mor do Camiño de Santiago, "o que amosa que o esforzo que se está a realizar desde o concello para promocionar Padrón como berce do Xacobeo comeza a dar os seus froitos".
Neste senso, adianta que a oferta turística e cultural de Padrón estará presente un ano máis no stand de Galicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid entre os próximos días 17 e 21. Calquera persoa que se achegue poderá atopar folletos informativos, planos da vila e diverso material promocional para resaltar os atractivos do municipio.