Print this page
-->

O pacense Miguel Ángel Carmona gaña o XXVIII Concurso de Narrativa Camilo José Cela

 

O escritor pacense Miguel Ángel Carmona del Barco (Badajoz, 1979) foi elixido hoxe gañador do XXVIII Concurso de Narrativa Camilo José Cela convocado polo Concello de Padrón polo seu relato "Sin Cicerone", presentado baixo o lema "Mandelbrot". Tal e como recollen as bases do certame, o autor estremeño recibirá como gañador 1.500 euros en metálico e unha estatuiña de Camilo José Cela.

Despois de varias valoracións e votacións por parte do xurado, que se reuniu este mediodía no salón de plenos do consistorio padronés, o relato de Miguel Ángel Carmona del Barco foi elixido gañador "por maioría" tras avaliar un total de 155 orixinais presentados.

Nesta ocasión, o xurado estivo presidido pola concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso; e integrado polo profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Anxo Abuín González, o tamén profesor da Facultade de Filoloxía da USC Juan Casas Rigal, a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Carmen Becerra Suárez, a licenciada en Filoloxía Inglesa Beatriz Vázquez Lorenzo, o funcionario da Consellería de Cultura Carlos Arias Iglesias, e a funcionaria do Concello de Padrón María Cruz Taboada Álvarez.

Segundo indicaron tras as deliberacións, a decisión do xurado fundamentouse no "dinamismo narrativo conseguido a través dun diálogo realista da utilización dunha voz feminina complexa, que se enfronta a temas de absoluta actualidade, como a posición dunha muller na sociedade contemporánea, cun ton que varía entre a dureza e a tenrura". Ademais, o xurado salientou "a caracterización dos personaxes secundarios cun mínimo de recursos narrativos e o manexo acertado de técnicas do conto como o final aberto".

Miguel Ángel Carmona del Barco é licenciado en Humanidades e diplomado en Biblioteconomía e Documentación. Entre as súas obras figuran as novelas "La dignidad dormida", "Viaje en segunda" e "Palabra de chocolate" e libros de contos e relatos como "Manual de autoayuda" e "Escalera de caracol".

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…