Print this page
-->

Manifesto dos concellos de Padrón, Rois e Dodro con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

 

Con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, os concellos de Padrón, Rois e Dodro unimos a nosa voz, en representación de toda a cidadanía, para amosar unha vez máis a nosa repulsa por todas e cada unha das manifestacións da violencia machista.

A pesares dos avances acadados entre todos nesta loita común, na sociedade actual aínda se seguen a vulnerar todos os días os dereitos fundamentais das mulleres, non só cos covardes asasinatos que vemos a cotío nos medios de comunicación senón tamén a través doutros moitos detalles de menor impacto que, por desgraza, pasan desapercibidos.

Ante esta realidade, as institucións debemos dar mostra de unidade e dun compromiso firme, impulsando medidas dirixidas a combater esta lacra social.

Por iso, os concellos aquí presentes, como institucións máis próximas á cidadanía e á súa realidade e necesidades sociais, xogamos un papel fundamental en canto á prevención deste problema e tamén para atallar a súa incidencia no colectivo feminino.  Así, debemos esforzarnos en adicar recursos e abrir novas liñas de actuación para afrontar a situación fomentando os valores axeitados desde a mesma infancia dos nenos e nenas.

Os episodios de violencia contra as mulleres que vemos día a día nas televisións e nos xornais deben facernos reflexionar sobre os graves danos que provocan os comportamentos e as actitudes machistas, afectando a familias enteiras, a círculos de amizades, a ambientes laborais e, sobre todo, a cada unha das vítimas que o sofre en primeira persoa.

Por iso estamos na obriga de actuar, todas e todos, xa que o silencio convértese nun cómplice e só beneficia aos agresores. Cando teñamos coñecemento dun caso de violencia machista, por moi difícil que nos pareza e aínda que pensemos que estamos a inmiscuirnos en vidas alleas, é necesario que todos asumamos a responsabilidade de actuar, de denunciar esas situacións, porque ese é o primeiro paso que hai que dar para comezar a salvar vidas.

Remato cunha mensaxe reivindicando o valor histórico e a valentía das mulleres e apelando á unidade de accións de todos nós, administracións e cidadanía, para acabar con esta lacra.

A seguinte peza musical ínstanos a reflexionar sobre a necesidade de librarnos de calquera modo de estereotipo sexista que nos resta liberdade e nos impide comenzar unha vida en igualdade.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…