Print this page
-->

O Concello de Padrón e Ategal potenciarán o programa de envellecemento activo "Aulas Senior"

 

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o presidente da Asociación Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal), Ángel Faílde Trabada, asinaron onte un convenio de colaboración para potenciar o desenvolvemento do programa de envellecemento activo "Aulas Senior" no curso 2017/2018.

En virtude do acordo subscrito, o Concello de Padrón aportará 3.000 euros para facer posible a celebración das diferentes actividades programadas por Ategal, que se levarán a cabo ata maio de 2018. Estas "Aulas Senior" de Padrón, que cumprirán 25 anos o vindeiro curso, son un referente no eido do envellecemento activo para toda Galicia, posto que este ano rexistráronse máis de 220 alumnos maiores de 50 anos de idade procedentes da bisbarra.

Neste programa destacan catro grandes áreas de traballo: a de saúde, que engloba actividades de ximnasio, escola de lombo, andainas saudables, ximnasia de mantemento, taichí, pilates, ioga-relaxación, obradoiro de adestramento da memoria e bailes latinos; na área cultural destacan os cursos de informática de diferentes niveis (Conéctate á Rede), cursos de manexo de teléfonos smartphones, cursos de inglés, coral e contacontos; na área ocupacional os alumnos poden participar en actividades de manualidades, pintura ao óleo, pintura en tea ou calceta de roupa de bebé, entre outras; e, por último, ademais destes cursos e obradoiros fixos, ao longo do ano académico tamén se programan diferentes viaxes culturais.

Ampliación ao rural

Antonio Fernández Angueira salienta que entre as principais novidades deste novo curso atópase "a expansión das actividades ao rural de Padrón, posto que celebraranse cursos e

obradoiros en Carcacía, Angueira e Extramundi en colaboración coas asociacións de cada zona".

Por outra banda, entre as novidades atópase tamén a escola de lombo, un seminario de ioga-relaxación e o programa "Neuronup", que consiste en actividades personalizadas e adaptadas a cada alumno para realizar por ordenador no aula de informática coa finalidade de traballar o reforzo da memoria para previr enfermidades cognitivas.

Pola súa parte, Ángel Faílde destaca que as "Aulas Senior" foron tan ben acollidas en Padrón desde hai 24 anos polo colectivo de maiores que "pode dicirse que Padrón ten unha universidade senior con máis de 200 alumnos matriculados".

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…