Print this page
-->

O Concello de Padrón promociona cunha "foodtruck" a XXXIX Festa do Pemento de Herbón

 

A parroquia padronesa de Herbón ultima estes días os preparativos para ofrecer o vindeiro sábado na carballeira do convento de Herbón máis de 2.000 racións de pementos no marco da XXXIX Festa do Pemento, que se celebra desde 1978 e que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2001.

Así o anunciou o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, durante un acto promocional realizado este mediodía na Praza do Obradoiro no que estivo arroupado polo seu homólogo compostelán, Martiño Noriega. Ambos alcaldes achegáronse ata unha "foodtruck" que ofreceu degustacións gratuítas aos turistas e que está previsto que mañá visite tamén o Concello de Sanxenxo.

"Presentar a XXXIX Festa do Pemento de Herbón en Santiago é practicamente como presentala en toda Galicia e, ademais de promocionar a festa, o que queremos é reivindicar a autenticidade dun produto que leva o nome de Padrón por todo o mundo e que moitas veces compite con outros sucedáneos que non son os auténticos pementos de Herbón", afirmou o alcalde. "En Herbón hai moitas familias que viven do cultivo e a comercialización do pemento e queremos poñelo en valor para que o mercado demande cada vez máis os auténticos pementos de Herbón", salientou.

Ademais, Fernández Angueira convidou "a todo o mundo" a achegarse este sábado á carballeira do convento de Herbón e felicitou á comisión organizadora "polo traballo que realiza practicamente durante todo o ano" para preparar unha festa na que se servirán alomenos un milleiro de racións de pementos e que contará como pregoeiro co locutor radiofónico José Manuel García, do programa "Comer e falar na rede".

O rexedor padronés tamén anticipou a súa vontade de "reforzar o apoio municipal" á comisión organizadora o vindeiro ano, cando se cumpren as 40 edicións da festa: "pouco a pouco queremos ir dando os pasos necesarios para que a medio prazo esta festa poida alcanzar a decaración de festa de interese turístico nacional; pensamos que a día de hoxe non cumpre aínda todos os requisitos, pero ese é o obxectivo que queremos perseguir a medio prazo".

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…