-->

O Concello de Padrón aporta case 50.000 € para a Banda de Música e a Escola de Música municipais

 
 
O Concello de Padrón vén de confirmar a concesión de 49.700 euros á Banda de Música e á Escola de Música municais para o mantemento e financiamento das súas actividades, segundo o compromiso realizado polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Cultura, Lorena Couso, nunha xuntanza mantida co presidente, a tesoureira e o director desta formación para programar e preparar o vindeiro curso formativo e de concertos correspondente coa tempada 2017-2018.
 
Os representantes municipais explicaron que o Concello aportará directamente, de fondos propios, unha partida de 30.000 euros como retribución polas actuacións desenvolvidas ao longo do ano e, ademais, tamén abonará outros 19.700 destinados a sufragar os custes salariais de cinco profesores da escola de música.
 
Aparte destas aportacións directas, o executivo que dirixe Fernández Angueira tamén xestionou a concesión dunha subvención de 7.500 euros coa Deputación Provincial da Coruña, polo que en total veñen a garantirse máis de 57.000 euros que permitirán desenvolver, nas mellores condicións, unhas actividades que gozan de gran predilección e penetración social no municipio.
 
Conxelación de taxas
Por outra banda, o goberno padronés tamén transmitíu aos rectores da banda e da escola o seu compromiso de conxelar as taxas de matrícula, mantendo os mesmos importes do curso anterior co gallo de favorecer a inscrición.
 
Tras este encontro, Angueira amosouse convencido de que o esforzo económico que asume o Concello, tanto pola aportación directa como pola conxelación do custe da matrícula, “paga a pena pola repercusión cultural e social da banda, que conta cun legado de máis dun século e que sempre estivo entre as mellores de Galicia, polo que é un orgullo e unha promoción inmellorable para Padrón”. Así, lembrou que a formación xa se impuxo no Certame Galego de Bandas celebrado en Vigo na década dos sesenta, volveu a repetir título autonómico hai dous anos en Santiago e conta cun gran prestixio “que fai que este mesmo verán fora escollida para abrir o ciclo Música no Camiño na Praza das Praterías de Santiago”.
 
Finalmente, quixo destacar a actividade paralela e complementaria que se realiza desde a escola de música “e que incluso conta con máis importancia, xa que trátase da formación dos máis cativos e da semente da cultura entre a nosa mocidade” e subliñou o alto nivel desta iniciativa, que é capaz de xerar grandes talentos, como é o caso de Daniel Otero, que xa está desenvolvendo unha carreira internacional como solista de trompa.
 

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15009 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. More details…