Print this page
-->

Anxo Arca avoga polo diálogo e reivindica o papel de Padrón como berce xacobeo na súa invocación ao Apóstolo

O alcalde de Padrón realizou a ofrenda a Santiago nunha cerimonia da Traslatio presidida por monseñor Julián Barrio  ||  

Pediu máis solidariedade e respecto a todas as persoas e lembrou a quen sofre as consecuencias da guerra de Palestina  ||   

O acto, que conta con carácter oficial dende 1646, conmemora o traslado dos restos do Apóstolo dende Palestina a Iria Flavia  ||  

20231230 Padron conmemoracion Traslatio 17 

 

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, renovou hoxe os votos da vila padronesa co Apóstolo na tradicional cerimonia da Traslatio coa que se conmemora o traslado do corpo de Santiago o Maior dende Palestina ata o porto da antiga cidade de Iria Flavia. O rexedor padronés solicitou a intercesión do Apóstolo para lograr que, por riba de ideoloxías e intereses particulares, se impoñan o diálogo e a colaboración de cara a lograr o desenvolvemento e benestar dos pobos.

20231230 Padron conmemoracion Traslatio 12

“Pensar na traslatio lévame, tamén, de xeito obrigado, a pensar en Palestina, e en todas as persoas que hoxe sofren as consecuencias dunha guerra cun innegable trasfondo relixioso que está a causar innumerables mortes, destrución e sufrimento”, afirmou Anxo Arca.

“Pídolle hoxe ao Apóstolo que sexamos máis solidarios e loitemos xuntos polo respecto a todas as persoas: que poidamos poñerlle fin á violencia machista, que atopemos as fórmulas para apoiar e integrar os colectivos máis desfavorecidos, que contemos todos coas mesmas oportunidades independentemente da nosa orixe e condición, que coidemos dos nosos maiores”, sinalou Anxo Arca.

O rexedor padronés aproveitou tamén a súa invocación para reivindicar o papel de Padrón como berce da tradición xacobea e subliñou que cada día son máis os peregrinos que se achegan á capital do Sar, non só a través do Camiño Portugués senón tamén como destino en si mesmo. Recordou neste sentido que durante este ano 2023 se repartiron máis de 20.000 pedronías, o certificado que acredita a continuación da peregrinación ata Padrón logo de visitar os restos do  Apóstolo.

Anxo Arca confesouse emocionado de vivir como alcalde a súa primeira Traslación, perpetuando unha tradición que se oficiliazou no ano 1646, pero que xa se viña desenvolvendo con anterioridade tal e como está documentado dende 1588. 

A orixe, con todo, remóntase aos principios do cristianismo hai dous mil anos cando os discípulos do Apóstolo Santiago decidiron salvar o seu corpo decapitado embarcándoo nunha das numerosas naves que dende Haffa, en Palestina, surcaban o Mediterráneo. Foi así como, remontando o que hoxe é Portugal, acabaron por chegar ao antigo porto de Iria Flavia. Alí amarraron a barca a unha ara romana ou pedrón que lle deu nome á poboación padronesa e que aínda se conserva na igrexa de Santiago.

Malia que o pedrón está sempre exposto na igrexa parroquial de Padrón, este 30 de decembro, coincidindo coa conmemoración da Traslatio, permíteselles acceder á cámara na que se atopa a padroneses e visitantes.

O acto relixioso desta Traslatio, que dou comezo ás 20.00 horas na igrexa parroquial de Santiago, foi presidido polo arcebispo emérito de Santiago, monseñor Julián Barrio, e concelebrado polo párroco de Padrón, Roberto Martínez, e outros sacerdotes. Contou coa presenza do presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; do alcalde de Dodro, Xabier Castro, de membros do goberno padronés e do presidente da Fundación Ruta Marítima Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agustino. A Banda Municipal de Música de Padrón pechou o acto interpretando dúas panxoliñas.

Máis fotos na páxina de Facebook do Concello de Padrón (neste enlace)

 

20231230 Padron conmemoracion Traslatio 24

 

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…