O alcalde padronés liderou a delegación que se desprazou á vila mariñeira para participar no Día de Padrón ||
Recordou os vínculos históricos entre ámbolos pobos, “berces culturais que fixeron e fan país” ||
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, recordou este martes 12 de setembro en Rianxo a irmandade histórica entre ámbolos municipios e incidiu tamén en que os dous pobos comparten unha razón de ser como “berces culturais, que fixeron e fan país”. O rexedor encabezou a delegación padronesa que participou nos distintos actos cos que Rianxo celebrou o Día de Padrón no marco das festas na honra da virxe de Guadalupe.
Durante a súa intervención na tradicional recepción que Rianxo lle depara a Padrón nas súas grandes festas, o rexedor padronés reivindicou o valor deste acto de irmandade. Trátase, dixo, “dun encontro útil á cidadanía, en tanto que serve para visibilizar ás persoas que conformamos a vida política dos nosos municipios. Persoas con criterios ideolóxicos diferentes, pero ante todo persoas que cren nos valores democráticos e que pretenden acadar un mellor futuro para a veciñanza nun tempo de especial confrontación”.
A comitiva padronesa foi recibida polo alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, e membros da Corporación anfitrioa. Tras intercambiarse os bastóns de mando dos dous concellos, e acompañadas polas bandas de música de Rianxo e Padrón, a comitiva desprazouse ata as estatuas de Rosalía e de Castelao, nas que Anxo Arca e Julián Bustelo depositaron sendas coroas de loureiro. Nos actos tamén participou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
Durante a súa intervención na casa consistorial, Anxo Arca lembrou que “Rianxo e Padrón son pobos irmáns” por desexo propio e tamén polos “múltiples vínculos sociais e económicos” que os unen. Resaltou, neste sentido, o legado cultural que os dous municipios lle aportaron historicamente a Galicia, como “berces culturais que fixeron e fan país”. “Son puntos de encontro e lugares de concordia que unen familias e acollen milleiros de visitantes que ven nos nosos pobos lugares idóneos para vivir e para desfrutar”, sinalou.
Como é habitual, o Día de Padrón en Rianxo pechouse cun concerto da banda municipal padronesa, que tivo lugar no Campo de Arriba.