A afamada celebración gastronómica ten a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia // Xulio Mato, chef e condutor do programa de cociña da TVG ‘A Voltas co Prato’, exercerá de pregoeiro este ano //
Se hai unha parroquia galega especialmente orgullosa da súa horta e dos produtos que dela obtén esa é Herbón. A súa terra mesturou dende hai centos de anos a diversidade de sementes que trouxeron os misioneiros ata o mosteiro franciscano, sendo non só pioneiros no cultivo do kiwi senón tamén coa recollida das primeiras patacas de Galicia xunto ás de Allariz.
Pero Herbón é coñecido en todo o mundo polos seus pementos, un alimento excelso en calidade e sabor pero tamén en maxia e lenda. Por iso a súa festa de exaltación, o primeiro sábado do mes de agosto, é un acontecemento venerado pola veciñanza, polos visitantes, e polos milleiros de consumidores que ten en todo o planeta.
Tradición e festa convivirán un ano máis o vindeiro día 5, na edición número 43 desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia, nunha xornada chea de música, de convivencia e de troula.
A Carballeira do convento de Herbón acollerá os primeiros actos da mañá co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga OT. A partir das 10.30 oficiarase a misa campestre seguida da bendición e da inauguración da Festa do Pemento.
A partir das 11.30 será a quenda dun dos actos máis chamativos, a procesión agrícola motorizada onde os tractores, todos numerados, irán ben engalanados ata a vila de Padrón, onde se lle entregará un cesto de pementos ao alcalde Anxo Arca no concello antes de facer unha ofrenda de flores á estatua da pementeira.
De volta xa a Herbón, Xulio Mato, chef e condutor do programa de cociña da TVG ‘A Voltas co Prato’, exercerá de pregoeiro este ano.
A súa intervención dará paso á entrega de premios dos participantes na procesión agrícola, último acto da mañá antes de comezar coa degustación deste produto que conta con Denominación de Orixe Protexida.
Os organizadores prevén repartir entre 1.000 e 1.500 quilos de pementos entre todas as persoas que asistan este sábado día 5, ao redor dunhas 3.000 racións que serán degustadas antes de continuar a festa coa música da verbena.
Esta Festa do Pemento de Herbón leva celebrándose dende o ano 1978 de xeito ininterrompido salvo no 2020 por mor da pandemia.