Print this page
-->

Escolares de Padrón e voluntarios de Amicos retiran máis de 54 kilos de residuos na contorna do río Sar

  • Os traballos de retirada, identificación, clasificación e pesado de residuos contaron coa participación de máis de 150 persoas, entre as que se atopaban voluntarios e voluntarias de Amicos e escolares dos CEIP Rosalía de Castro e CEIP Flavia

  • O alcalde de Padrón enmarca esta actuación na "aposta do Concello pola sensibilización ambiental desde as idades máis temperás"

Escolares de Padrón participaron hoxe, xoves 27 de abril, nunha acción de sensibilización dirixida por voluntarios de Amicos e organizada en colaboración co Concello de Padrón. A xornada arrincou nas inmediacións do campo municipal do Souto e transcorreu pola senda verde do Río Sar.

O obxectivo desta acción é concienciar á cidadanía, en especial ás novas xeracións, da importancia de coidar do medioambiente, en concreto da importancia de manter limpas as contornas dos ríos.

Un total de 67 alumnos do CEIP Rosalía de Castro e 43 do CEIP Flavia recolleron e analizaron os máis de 54 quilos de residuos retirados da contorna do río. Clasificados por tipo, recolléronse un total de 46,5kg de plásticos, 5kg de vidro, 2kg de papel e 473 cabichas.

O alcalde de Padrón Antonio Fernández Angueira enmarcou esta actuación na "aposta do Concello pola sensibilización ambiental desde as idades máis temperás. É fundamental que traballemos desde os colexios e os institutos para conseguir unha cidadanía máis concienciada co traballo colectivo que é a preservación do medio natural". Para o alcalde resulta "especialmente interesante a cualidade práctica destas actividades, o feito de que os rapeces e as rapazas vexan en primeira persoa o que é a contaminación e o que cada un de nós pode facer para paliar os seus efectos".

Doutra banda, Miguel Beiro, responsable de Alianzas e Emprego de Amicos, agradeceu a asistencia e o gran labor levada a cabo polos escolares e voluntarios e voluntarias. "Foi unha mañá de concienciación, inclusión, de facer novas amizades e de concienciar da necesidade de coidar os nosos entornos", dixo, ao tempo que se amosou encantado de poder compartir esta xornada co Concello de Padrón.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…