-->

Padrón festexa as súas letras no mes de maio con itinerarios guiados, espectáculos ou talleres

  • A programación de Padrón Literario iníciase este sábado 29 de abril con paradas teatralizadas pola Ruta Rosaliana //

  • A Fundación Cela abrirá gratuítamente entre o 11 e o 19 de maio, ademais de ofrecer concertos e xogos para escolares //

  • As Letras Galegas celebraranse cunha visita á zona vella na compaña de Rosalía e as actuacións de Pablo Castaño e as corais polifónicas de Padrón, Pontecesures e Zamazáns de Vigo //

Unha ruta polos lugares que marcaron a vida e obra de Rosalía de Castro fixará este sábado 29 de abril o comezo das actividades de Padrón Literario, a cita que debuxa o mes de maio na capital do Sar e que este ano 2023 permitirá gozar completamente de balde dunha programación que inclúe concertos, espectáculos, talleres ou visitas guiadas, sempre coas miras postas en divulgar e festexar as letras padronesas.

Seguir ‘As pegadas de Rosalía’ é a proposta da ruta que se desenvolverá este sábado entre visitas teatralizadas e música de zanfona. As inscricións, que poden facerse na web de turismo de Padrón (www.padronturismo.gal/inscricions), inclúen o circuíto en autobús seguindo o itinerario rosaliano establecido na década dos 90 por Avelino Abuín de Tembra a través dos concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón.

Rosalía de Castro volverá ser protagonista de Padrón Literario o mércores 17 de maio, Día das Letras Galegas, e farao por partida dobre. Ao mediodía, teremos a oportunidade de coñecer a zona vella da Padrón coa visita teatral Camiño branco de Rosalía. As inscricións deben facerse na web de turismo de Padrón (www.padronturismo.gal/inscricions). Xa pola tarde, a partir das oito, o auditorio da Casa Museo Rosalía de Castro será o escenario dun concerto de Pablo Castaño, que terá entrada libre ata completar aforo.

Tamén acollerá actividades a Fundación Pública Galega Camilo José Cela, en  Iria Flavia, que se poderá visitar gratuítamente de luns a venres entre o 11 ao 19 de maio en horario de 10.00 a 14.00 horas, coincidindo coa Semana das Letras no Museo (Letreseo).

Ademais da xa tradicional ofrenda floral ante a tumba do Nobel no cemiterio de Adina no día do seu aniversario (11 de maio, ás 11.30 horas), a Fundación acollerá diversas actividades dirixidas aos centros escolares. Entre elas, destaca o concerto a dúo Ondamini, ao que asistirá o alumnado das escolas unitarias (venres 12), do CEIP Flavia (luns 15) e do CEIP Rosalía de Castro (martes 16). Os institutos, pola súa parte, participarán nunha actividade de probas sensoriais e nun xogo-concurso, que se desenvolverá o luns 15 para as rapazas e rapaces do IES Macías o Namorado e o martes 16 de maio para os do IES Camilo José Cela.

No que respecta ao público en xeral, para o xoves 4 de maio ás oito da tarde está prevista a presentación do libro Xardín Botánico Artístico de Padrón, escrito polo profesor Carlos Rodríguez Dacal, persoa ben coñecida na localidade pola súa contribución con diversas iniciativas á divulgación e recoñecemento do xardín padronés.

A seguinte cita está fixada para o sábado 13 de maio ás oito da tarde no auditorio municipal, onde se celebrará o Concerto das Letras Galegas coa participación das corais polifónicas de Padrón, Pontecesures e Zamazáns de Vigo.

Narración oral e banda deseñada

O público familiar poderá gozar, pola súa parte, do espectáculo A viaxe feliz de Ramón Sanfiz, de Fantoches Baj, o martes 16 de maio. A representación levarase a cabo no parque infantil de Padrón a partir das seis da tarde. Así  mesmo, todas as persoas maiores de doce anos terán a oportunidade de participar no obradoiro de cómic Iniciación ao manga, rompendo estereotipos, que se celebrará o venres 26 de maio na biblioteca municipal. As inscricións poden facerse xa alí mesmo.

Padrón Literario inclúe, por último, dúas propostas da Cultura rula X Padrón. A primeira delas, prevista para o venres 19 de maio, é o espectáculo cómico e musical Desconcerto, que se desenvolverá no campo da festa de Carcacía a partir das oito da tarde. A segunda, que servirá para poñerlle á programación literaria deste maio, será o espectáculo de narración oral Cacho animalada, que Vero Rilo ofrecerá o venres 26 de maio no campo da capela de Pazos tamén a partir das oito da tarde.   

 

Programa Padrón Literario

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…