Print this page
-->

O presidente da Xunta inaugura en Padrón a praza de Pepe Domingo Castaño, que vive “o mellor dos meus soños”

  • O alcalde, Antonio Fernández Angueira: “É a mellor forma de renderlle unha homenaxe a un dos mellores embaixadores que ten o noso pobo”  ||  

  • Alfonso Rueda: “É unha homenaxe a unha persoa orgullosa das súas raíces e que sempre presume de ser galego”  ||  

  • Emocionado, o xornalista lembra cando xogaba de pequeno nesta praza e a toda a súa familia  ||  

  • Ao acto asisten centos de veciños e familiares do homenaxeado  || 

20230325 Presidente Xunta inaugura praza Pepe Domingo Castanho 15

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, inauguraron hoxe a praza que o Concello lle dedica a Pepe Domingo Castaño, unha das voces máis sobranceiras do xornalismo radiofónico español que se atopaba visiblemente emocionado durante un acto ao que asistiron centos de veciños, familiares e amigos do ilustres padronés. “Estou a vivir o mellor dos meus soños”, dixo Pepe Domingo Castaño acompañado dos seus netos (vídeo íntegro co discurso de Pepe Domingo Castaño neste enlace).

“É para min un honor e un pracer estar hoxe aquí inaugurando a praza que leva o nome dun dos nosos veciños máis ilustres”, asegurou Antonio Fernández Angueira. O alcalde reiterou que poñerlle o nome de Pepe Domingo Castaño á praza na que xogaba de pequeno “é a mellor forma de renderlle homenaxe a un dos mellores embaixadores que ten o noso pobo, que sempre fala de Padrón alá por onde vai”.

20230325 Presidente Xunta inaugura praza Pepe Domingo Castanho 29

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recordou que esta era a praza na que o homenaxeado xogada de pequeno, e resaltou que Castaño é un galego “orgulloso das súas raíces, facendo bandeira de onde é e do que sente” e que leva o nome de Galicia por todo o mundo ao presumir das bondades e atractivos da comunidade sempre que ten ocasión. “Posúe esa mente aberta, esa forma de ser que engancha a todo o mundo e nunca se esquece de que é galego”, afirmou.

20230325 Presidente Xunta inaugura praza Pepe Domingo Castanho 26

Pola súa banda, Pepe Domingo Castaño fixo un emotivo discurso no que lembrou a toda a súa familia e a súa relación coa praza, e dirixíndolle as súas últimas palabras aos seus netos dixo que xunto ao alcalde e o presidente de Galicia “está vivindo agora mesmo o mellor dos seus sonos”.

20230325 Presidente Xunta inaugura praza Pepe Domingo Castanho 21 a

Na súa intervención, o alcalde recordou que o homenaxeado “ten unha traxectoria impecable. É unha das nosas árbores senlleiras, que mantén as raíces no noso pobo”, onde vive gran parte da súa familia. Para Antonio Fernández Angueira, coa inauguración da praza de Pepe Domingo Castaño Padrón completa o poquer de ases dedicándolle un espazo público a persoeiros  ilustres. “Igual que Macías o Namorado, Rosalía de Castro ou Camilo José Cela, Pepe Domingo Castaño tamén ten o seu espazo na nosa vila, e o seu nome quedará vinculado a esta praza na que xogaba de pequeno para que as futuras xeracións se decaten que Padrón tamén é terra de xornalistas de raza”, afirmou.

O acto comezou na casa consistorial, onde o alcalde e membros da Corporación recibiron ao presidente da Xunta e ao propio homenaxeado. Despois, a comitiva trasladouse ata a antiga praza das Travesas, fronte a Pulpería Rial, acompañados polo Grupo Folclórico San Pedro de Carcacía. Tras a intervención das autoridades, Alfonso Rueda, Antonio Fernández e o propio xornalista descubriron a placa que da nome a nova praza de Pepe Domingo Castaño. O acto rematou coa interpretación do Himno Galego a cargo do grupo folclórico de San Pedro de Carcacía e o aplausos das persoas asistentes.

20230325 Presidente Xunta inaugura praza Pepe Domingo Castanho 43

 

 

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…