Print this page
-->

A Feira Cabalar da Pascua repartirá 3.600 euros en premios o 9 de abril no Campo da Barca

  • Incluirá concursos de poldros, eguas e sementais de Pura Raza Española, Pura Raza Árabe, Pura Raza Galega e cruzados

  • Carmina Bustelo: “É unha das citas imprescindibles das festas, porque a afección polos cabalos está moi arraigada no municipio”

 

20230324 Cartel Feira CabalarO Concello de Padrón volve apostar pola tradicional Feira Cabalar como un dos pratos fortes das Festa de Pascua 2023. O domingo 9 de abril, no Campo da Barca, daranse cita milleiros de afeccionados e criadores de cabalos para participar nos concursos morfolóxicos que se desenvolverán durante todo o día. “É unha das citas imprescindibles da Pascua, que cada ano congrega máis persoas, porque a afección polos cabalos está moi arraigada no noso municipio e na contorna”, asegura a concelleira de Festexos, Carmina Bustelo, que recorda que este ano vanse repartir 3.600 euros en premios nos concursos morfolóxicos.

Ademais dos concursos, celebrarase a tradicional feira cabalar, e un amplo programa de actividades que conta coa colaboración da Asociación de Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega e Concursos Hípicos no Camiño.

A Feira Cabalar está chamada a ser unha das citas máis seguidas da Pascua padronesa. Nos concursos morfolóxicos repartiranse premios de entre 120 e 30 euros entre os cinco mellores exemplares de cada unha das dez categorías. As probas comezan ás nove da mañá con certames morfolóxicos de poldros, eguas e sementais de Pura Raza Española, Pura Raza Árabe, Pura Raza Galega e cruzados. A inscrición para participar está aberta ata o venres 7 de abril ás 14.00h e este ano pode facerse por internet, cubrindo o formulario que se atopa neste enlace. Tamén se admite inscrición a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 689 419 722. 

A Pascua de Padrón e a Feira Cabalar van unidas de xeito indisoluble desde as orixes desta celebración histórica, que se remontan ao século XVII. A terras padronesas acudían naquel tempo tratantes de todos os puntos de Galicia e mesmo de Castela para facer os seus negocios nun evento que reunía a xentes de toda a contorna. Co paso do tempo, arredor da actividade comercial fóronse incorporando elementos culturais e deportivos, lúdicos e relixiosos, estes últimos pola coincidencia das datas de celebración da Semana Santa, tamén moi arraigada en Padrón. Todos estes ingredientes converteron a Pascua padronesa na primeira romaría importante do calendario festivo galego. A feira cabalar celébrase ininterrompidamente todos os anos, coincidindo coa Pascua de Resurrección.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…