Print this page
-->

O Día de Rosalía celébrase en Padrón con ofrenda, visita teatralizada e recitais poéticos

  • As actividades conmemorativas ábrense hoxe cun obradoiro de marcapáxinas na biblioteca //
  • O alumnado de infantil terá talleres nos centros educativos //
  • Manuel López Rodríguez presentará o 24 de febreiro a obra coa que gañou o certame poético convocado polo Concello de Padrón //
  • A concelleira Lorena Couso convida a coñecer a figura da escritora da man dos Quinquilláns e a degustar o caldo de gloria //

Padrón honra un ano máis a Rosalía de Castro coincidindo coa data do seu nacemento, o 23 de febreiro. Dende este venres 10 de febreiro ata o día 24, desenvolveranse diversas actividades entre as que se encontran obradoiros para público familiar e escolares, unha visita teatralizada, a tradicional ofrenda á escritora no Espolón, a entrega do Premio de Poesía Rosalía de Castro, recitais poéticos ou a degustación do caldo de gloria nos establecementos de Padrón.

“Convidamos tanto aos padroneses como aos visitantes a recordar con nós a figura de Rosalía. Padrón é a vila rosaliana por excelencia. Aquí viviu e aquí morreu a escritora galega máis universal e non hai mellor xeito de achegarnos á súa vida e á súa obra que visitando a Casa da Matanza. Ademais, teremos a oportunidade de coñecela mellor da man dos Quinquilláns e tamén degustar o caldo de gloria”, sinala a concelleira de Cultura e Turismo, Lorena Couso.

As actividades inícianse con obradoiros. O primeiro, de confección de marcapáxinas, desenvolverase este mesmo venres 10 na  biblioteca e está aberto a público de todas as idades. Xa a semana que vén, do 10 ao 17, será o alumnado de infantil dos centros educativos de Padrón o que poida participar no taller ‘O segredo de Rosalía’.

O xoves 23 realizarase a ofrenda. Ás dez da mañá, as gaitas soarán polas rúas da vila para convocar a toda a veciñanza ante a estatua de Rosalía no Espolón. Alí levarase a cabo o acto oficial coa intervención de autoridades e alumnado de sexto de primaria dos colexios Flavia e Rosalía de Castro. A ofrenda pecharase cunha alborada a cargo do grupo de gaitas Os Carapaus. Ademais, dende a rúa Fondo de Vila, comezará ás 10.30 horas unha visita teatralizada na compaña da mesma Rosalía grazas á compañía Os Quinquilláns.

O aniversario da escritora galega máis universal celebrarase tamén nos establecementos hosteleiros de Padrón nos que se poderá degustar o caldo de gloria que enxalza no poema “Miña casiña, meu lar” da súa obra Follas Novas. Trátase dunha iniciativa da Fundación Rosalía que cada ano ten maior predicamento e vai camiño de converterse en toda unha tradición neste día.

Os actos do Día de Rosalía pecharanse o venres 24 no Auditorio Municipal, con entrada libre e citas pola mañá e pola tarde. Na primeira, ao mediodía, Manuel López Rodríguez presentará Neste mesmo intre, a obra coa que se fixo merecedor do VIII certame poético Rosalía de Castro convocado polo Concello de Padrón. Ademais, o público poderá gozar dun recital poético con música de Iolanda Eiras e Narci Rodríguez.

Xa pola tarde, a partir das 19.30 horas, o Auditorio acollerá un novo recital poético, no que intervirán Jonatan Jorge Guille con Antoloxía vocal dun neto e Amanda Plaza con Beizos de mar e outros actos de amor. Estarán acompañados pola música de Fernando Lousada.

20230223 cartel actividades dia rosalia web2

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…