Print this page
-->

A marca ‘Padrón. Camiño e destino’ aglutina todos os atractivos do municipio padronés

“Queremos que o visitante, sexa cal sexa o seu perfil, saiba que este é o seu destino”, sinala a concelleira Lorena Couso //  Une o Padrón xacobeo, literario, natural e gastronómico, así como os negocios de hostalaría e comercio, para atraer visitantes //

‘Padrón. Camiño e destino’ é o lema da renovada marca coa que o Concello padronés se está a promocionar na actualidade e que, baixo os epígrafes Padrón Xacobeo, Padrón Literario, Padrón Natural, Padrón Gastronómico e Padrón Hostalaría e Comercio, aglutina todas as posibilidades que o municipio lles ofrece aos visitantes para gozar da súa historia, patrimonio, gastronomía ou actividades de lecer, sen esquecer por suposto as experiencias que se poden vivir no territorio.

“A intención do goberno municipal é crear unha marca forte e recoñecible que recolla todos os atractivos de Padrón para que, sexa cal sexa o perfil de visitante, saiba que este é o seu destino. O ano pasado recibimos preto de 32.000 visitantes na oficina de turismo, onde se expediron máis de 16.000 pedronías e os nosos esforzos van encamiñados a seguir medrando”, sinala Lorena Couso, concelleira de Turismo.

A marca ‘Padrón. Camiño e destino’ estivo presente con esta marca na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, que se desenvolveu entre o 18 e o 22 de xaneiro. Tanto turistas como turoperadores ou axencias de viaxes puideron atopar un catálogo de tres novos folletos vencellados ao Padrón literario, natural, gastronómico, que en galego, castelán e inglés, compendian información de interese para visitar a capital da comarca do Sar.

Padrón Natural recolle os principais recursos verdes da localidade, como árbores senlleiras, xardíns ou miradoiros, así como rutas de sendeirismo ou propostas de turismo activo. Padrón Literario abrangue por suposto as figuras e os museos de Rosalía de Castro e Camilo José Cela, pero tamén iniciativas vencelladas a outros literatos locais como Macías o Namorado, Nicasio Pajares, Manuel Barros ou Juan Rodríguez. O folleto de Padrón Gastronómico, pola súa parte, céntrase en produtos de gran sona como son os pementos de Herbón e a lamprea, ademais de convidar a participar en experiencias como festas e xornadas gastronómicas ou o a visita ao mercado dominical.

Os tres novos folletos únense ao xa existente de Padrón Xacobeo, editado en doce idiomas e que, dirixido sobre todo aos cada vez máis numerosos peregrinos que fan o Camiño Portugués, incide na forte vinculación da vila padronesa coa lenda xacobea. O Camiño da Pedronía, Santiaguiño do Monte, o Pedrón, as igrexas de Santiago, de Iria e da Escravitude son algúns dos elementos que se destacan nesta guía para animar aos turistas a achegarse a Padrón a coñecer a orixe da lenda xacobea.

Todas as guías dispoñen dun código QR que redirixe á web de Turismo de Padrón (https://www.padronturismo.gal/es/), onde os visitantes atoparán tamén enderezos de interese, locais de restauración e aloxamento e outros moitos contidos cos que poderán ampliar e actualizar a información dos catálogos.

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…