-->

O concurso de Entroido de Padrón repartirá máis de 5.400 euros en premios

Lorena Couso: “O goberno local fixo un esforzo incrementando os premios e incentivando a participación de asociacións e centros educativos do municipio con 200 euros de gratificación”  ||  

Establécense seis categorías distintas, cada unha con tres premios en metálico  ||  

O desfile celebrarase o 25 de febreiro, sábado de piñata  ||  

As inscricións pódense facer no Centro Social ata o 23 de febreiro  ||  

 

20230124 Cartel Entroido PadronO Concello de Padrón repartirá máis de 5.400 euros en premios no concurso de disfraces do Entroido 2023 que se celebrará o 25 de febreiro, sábado de piñata, durante o desfile que comezará ás 17.00 horas. A celebración recupera este ano a normalidade, despois das restricións sanitarias derivadas da pandemia, que obrigou a cancelar o concurso nos dous últimos anos. O goberno local fixo un esforzo para que na edición deste ano teña especial relevancia a participación dos grupos e das comparsas locais, polo que anima á veciñanza, asociacións e centros educativos de Padrón a sumarse ao concurso, dando renda solta a súa imaxinación.

“Queremos incentivar e potenciar a participación de grupos, asociacións e centros educativos do municipio, ademais de atraer foráneos para levar o Entroido de Padrón aos niveis prepandémicos”, subliña a concelleira de Cultura, Lorena Couso. Nesta liña, engade que o goberno municipal fixo este ano un esforzo económico para incrementar algunhas das contías dos premios, en especial as gratificacións destinadas á fomentar a participación de grupos e comparsas de asociacións e centros educativos do municipio. 

“Incrementamos en cen euros estas gratificacións, de tal xeito que as asociacións e os centros educativos de Padrón que participen no concurso do Entroido como comparsa ou grupo recibirán 200 euros, só polo meiro feito de participar”, remarca Lorena Couso.

O concurso de disfraces, carrozas e comparsas do Entroido de Padrón contempla seis modalidades, cada unha con tres premios en metálico: Individual infantil (de 0 a 14 anos); adulto individual (maiores de 14); parella; comparsa/grupo de ata 20 membros; comparsa/grupo de máis de 20 membros e comparsa ou grupo local de máis de 10 membros.

A modalidade infantil individual conta con 90, 60 e 30 euros para os tres primeiros clasificados, respectivamente. Na categoría adulto individual, haberá un primeiro premio de 120 euros, un segundo de 90 e un terceiro de 60. E na modalidade de parellas repartiranse un total de 360 euros (150, 120 e 90 euros). Estas tres modalidades manteñen as contías da edición de 2020. 

Na categoría de comparsa ou grupo de ata 20 membros repartiranse 1.300 euros en premios, 400 euros máis que no concurso de 2020, cun primeiro premio de 600 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 300. 

Na modalidade de comparsa ou grupo de máis de 20 membros, repartiranse 2.000 euros (200  máis que na última edición), con 1.000, 600 e 400 euros para os tres primeiros clasificados.

O Concello tamén incrementou en 400 euros o total dos premios da categoría de comparsa/grupo local de máis de 10 membros. Deste xeito o primeiro premio estará dotado con 600 euros, o segundo con 400 e o terceiro con 300 euros.

Ademais de gratificar ás asociacións e aos centros educativos que participen no desfile, as bases do concurso recollen que o Concello premiará con 250 € ás comparsas maiores de 40 membros que participen no mesmo, e con 100 euros ás comparsas locais maiores de 10 membros e nas que o 60% dos seus integrantes estean empadroados no municipio.

Inscricións

Todas aquelas persoas, grupos, comparsas e carrozas que queiran participar no concurso durante o desfile do Entroido 2023 de Padrón deberán formalizar a súa inscrición nas oficinas do Centro Social ata o 23 de febreiro, ás 14.00 horas. Tamén poderán anotarse enviando un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Neste caso, será imprescindible que a Concellaría de Cultura confirme a recepción da folla de inscrición.

Antes de comezar o desfile de Entroido, cada participante recibirá un dorsal. O xurado valorará a orixinalidade dos disfraces, a creatividade, a imaxinación e posta en escena durante o percorrido do desfile en cada unha das categorías. Cómpre subliñar ademais que os menores de idade que participen no concurso deberán ir acompañados dunha persoa adulta ao longo do percorrido do desfile.

As bases e as follas de inscrición pódense consultarse nos seguintes enlaces:

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…