Print this page
-->

Padrón abre o prazo para presentar candidaturas aos recoñecementos ‘Rumorosas 2023’

O Concello de Padrón e o Centro de Información á Muller (CIM) veñen de dar a coñecer as bases que rexerán a terceira edición dos recoñecementos Rumorosas 2023. Trátase duns galardóns que teñen por obxectivo poñer en valor o labor e traxectoria das mulleres, a nivel individual, ou de colectivos, asociacións, entidades ou agrupacións senlleiras que na súa actividade presenten como base un compromiso pola igualdade en xeral e pola igualdade de xénero en particular.

Tal e como subliña a concelleira de Muller e Igualdade, Lorena Couso, cos recoñecementos Rumorosas 2023  “queremos poñer en valor o traballo de todas aquelas mulleres de Padrón, ou vinculadas ao noso municipio, que son unha referencia social na eliminación de estereotipos sexistas e na loita contra a violencia de xénero e a discriminación”. Para Lorena Couso “é de xustiza recoñecer o traballo de todas elas e de colectivos, asociacións ou entidades do municipio que traballan arreo por visibilizar esta loita. En Padrón hai moitas mulleres que, polo seu traballo e pola súa traxectoria, son modelos a seguir polas novas xeracións”.

A edición das Rumorosas 2023 contará con dúas modalidades: individual e colectiva. A modalidade individual consistirá en 7 recoñecementos que se lles outorgarán ás mulleres que se distingan ou distinguisen en cada un destes ámbitos: social, laboral, educativo, empresarial ou de emprendemento, artístico ou cultural, deportivo e altruísta. Como requisito indispensable, as candidatas deberán ser orixinarias de Padrón (nativas ou residentes) ou ben ter algún vínculo co municipio.

Na modalidade colectiva haberá só un recoñecemento para aquela entidade, colectivo, asociación ou organización que destaque pola súa traxectoria e actividade no ámbito local no seu labor a favor da eliminación de estereotipos e da loita contra a violencia de xénero. O requisito que deben cumprir neste apartado as candidaturas é o de acreditar que a entidade está ligada a Padrón ben porque a súa labor repercuta directamente sobre a vida municipal, ben por ter a súa sede no municipio.

A presentación de candidaturas estará aberta ata as 23.59 horas do domingo 29 de xaneiro e as solicitudes deberán ser enviadas por correo electrónico ao enderezo do CIM: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

Poderán presentar candidaturas entidades públicas ou privadas, asociación ou colectivos que teñan representación en Padrón, ou persoas físicas que acrediten a súa identidade e que residan no municipio ou teñan algún vínculo con Padrón. Cada candidatura deberá ir acompañada dunha memoria xustificativa (cunha extensión non superior a dúas páxinas a unha cara) e incluír os datos de identificación e de contacto.

Unha vez revisadas polo CIM e confirmadas, as candidaturas publicaranse no Facebook do CIM Terras de Iria para que a cidadanía poida emitir o seu voto. As sete candidaturas individuais e a candidatura colectiva con maior número de votos serán recoñecidas como Rumorosas 2023.

O Concello de Padrón entregará os galardóns ás Rumorosas 2023 o 8 de marzo, no transcurso dos actos institucionais con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.

Podes consular as bases neste enlace.

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…