Print this page
-->

Padrón celebrará a 10K o sábado 4 de febreiro estreando proba homologada de 5 quilómetros

  • Nas dúas carreiras poden participar atletas federados e non federados //
  • Tamén se disputarán outras catro probas dirixidas a escolares //
  • As inscricións están abertas ata o 1 de febreiro en www.emesports.es //

Padrón volverá converterse o sábado 4 de febreiro nunha festa para todas as persoas amantes do atletismo. Atletas federados e non federados poderán participar na vixésima edición da 10K, que este ano, xunto á carreira de dez quilómetros, contará como principal novidade cunha proba homologada de cinco quilómetros. O prazo de inscricións, gratuítas para escolares e cun custo de 7 euros para o resto das categorías, xa está aberto ata as 23:59 horas do mércores 1 de febreiro en www.emesports.es. Só se poderá facer efectiva a inscrición nunha das dúas probas homologadas.

Lorena Couso, concelleira de Deportes de Padrón, subliña o grande ambiente que vive a vila coa celebración da 10K, que xunta participantes e familiares polas rúas durante todo o día e supón un auténtico motor económico para moitos negocios. “Dende o goberno municipal seguiremos apostando por este tipo de actos, que atraen visitantes a Padrón ademais de favorecer a práctica deportiva e os hábitos saudables a todas as idades”, sinala. 

Pitufos (nadas/os no ano 2019 e posteriores) e prebenxamíns (nadas/os dende 2016 a 2018) serán os primeiros atletas que tomarán a saída na 10K padronesa ás 16.00 e as 16.10 horas, respectivamente. Correrán 60 e 300 metros para cubrir as únicas probas non competitivas da xornada. Logo será a quenda dos sub 10 (que sairán ás 16.20 horas e correrán 600 metros) e dos sub 12 e sub 14 (16.30 horas e 1.200 metros de percorrido), que pecharán as categorías escolares. Sairán por último as probas homologadas. A 5K iniciarase ás 16.45 horas e nela tomarán parte sub 16, sub 18, sub 20, sub 23, sénior e máster. Xa para rematar, ás 17.30 horas daráselle o pistoletazo de saída á 10K, na que competirán sub 20, sub 23, sénior e máster. A liña de saída e meta estará situada no campo do Souto.

Haberá premios en metálico para os primeiros clasificados da carreira de 10K tanto en categoría masculina como feminina (250€ para a/o primeira/o clasificada/o, 150€ para a/o segunda/o, 75€ para a/o terceira/o e 50€ para a/o cuarta/o), ademais dun premio especial dotado con 50 euros para o/a mellor corredor/a local. Tamén levarán trofeos os tres primeiros atletas de cada categoría, os tres primeiros da clasificación absoluta, o mellor corredor local, os tres primeiros equipos, o participante de máis idade que chegue a meta, o club con máis participantes e os tres primeiros das categorías sub 16, sub 18 e da 5K. Todos os escolares recibirán medallas e obsequios. A entrega de premios e trofeos levarase a cabo no Auditorio municipal, pegado á liña de chegada, ás 19.15 horas.

A recollida de dorsais desenvolverase o sábado da carreira no pavillón do Souto de 11.30 a 13.00 horas e a partir das 15.00 horas ata media hora antes do inicio de cada proba.

Padron 10K 2023 2

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…