Print this page
-->

O Festival de Panxoliñas de Padrón reúne na súa 34 edición a tres agrupacións corais

  • No certame participaron a Coral do Colexio de Avogados de Pontevedra, a Coral Polifónica de Betanzos e a Coral Polifónica Padronesa  ||  

  • O Concello agasallou a cada unha das entidades participantes  ||  

  • Manuel Bastoy, presidente da coral padronesa, entregoulle un ramo de rosas á concelleira Lorena Couso  ||  

20221217 Festival Panxolinas Padron Vilancicos 7

Festival de Panxoliñas de Padrón reuniu onte pola tarde, no auditorio municipal, a tres agrupacións corais: o Coro do Colexio de Avogados de Pontevedra, a Coral Polifónica de Betanzos e a anfitrioa, a Coral Polifónica Padronesa. O festival, que rematou a súa trixésimo cuarta edición coa interpretación conxunta de Adeste Fidelis, marcou o inicio da programación de Nadal deseñada polo Concello de Padrón.

20221217 Festival Panxolinas Padron Vilancicos 19

Ao longo de máis de sesenta minutos de actuación, as tres agrupacións participantes metéronse ao público no peto e colleitaron numerosos aplausos. Da man do Coro do Colexio de Avogados de Pontevedra resoaron polo escenario panxoliñas como Dime niño de quién eres ou No Portal, e as cancións Dormi mon piangere e Noite Azul. Mentres que a Coral Polifónica de Betanzos interpretou as panxoliñas Vedle nacerSilencio que duerme o Ro, mi niño, ro, e una canción tradicional de Arxentina, Lirio del Alba. Manuel López, coñecido como o cura de Betanzos, que leva catro décadas dirixindo esta agrupación, agradeceu a presenza do público e dixo que acudían a este certame dispostos a “aprender algo e a pasalo ben”. 

20221217 Festival Panxolinas Padron Vilancicos 2

Pola súa banda, a Coral Polifónica padronesa, pertencente á Sociedade Cultural Padronesa, cantou as panxoliñas Arrurrú, meu neno e Regalos da Feira e interpretou as cancións Nosa Señora da Barca (Alalá de Muxía) e a cantiga popular galega Pasei o Mar de Marola, con arranxos de Feijóo Sousa. O seu director, Santiago López Blanco, informou que a agrupación está “cambiando o seu repertorio e centrándose máis na música galega”.

20221217 Festival Panxolinas Padron Vilancicos 17

Ao rematar as tres actuacións, a concelleira de Cultura, Lorena Couso, e o concelleiro de Relacións Veciñais, Francisco García, entregáronlle aos representantes de cada unha das corais un agasallo en recoñecemento pola súa participación neste festival. Como é tradicional, o presidente da Coral Polifónica Padronesa, Manuel Bascoy, agasallou á concelleira cun ramo de rosas. Lorena Couso resalta a importancia deste certame “como aposta e defensa da nosa cultura que fai o goberno de Padrón. Un certame con máis de trinta anos de historia que representa, tamén, o inicio do programa de Nadal no municipio”.

Para rematar e agradecer a presencia do público, as tres agrupacións interpretaron xuntas o tema Adeste Fidelis baixo a dirección de Manuel López, que antes de trasladarse a Betanzos foi capellán en Padrón e director da agrupación local.

20221217 Festival Panxolinas Padron Vilancicos 3

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…