-
No certame participaron a Coral do Colexio de Avogados de Pontevedra, a Coral Polifónica de Betanzos e a Coral Polifónica Padronesa ||
-
O Concello agasallou a cada unha das entidades participantes ||
-
Manuel Bastoy, presidente da coral padronesa, entregoulle un ramo de rosas á concelleira Lorena Couso ||
Festival de Panxoliñas de Padrón reuniu onte pola tarde, no auditorio municipal, a tres agrupacións corais: o Coro do Colexio de Avogados de Pontevedra, a Coral Polifónica de Betanzos e a anfitrioa, a Coral Polifónica Padronesa. O festival, que rematou a súa trixésimo cuarta edición coa interpretación conxunta de Adeste Fidelis, marcou o inicio da programación de Nadal deseñada polo Concello de Padrón.
Ao longo de máis de sesenta minutos de actuación, as tres agrupacións participantes metéronse ao público no peto e colleitaron numerosos aplausos. Da man do Coro do Colexio de Avogados de Pontevedra resoaron polo escenario panxoliñas como Dime niño de quién eres ou No Portal, e as cancións Dormi mon piangere e Noite Azul. Mentres que a Coral Polifónica de Betanzos interpretou as panxoliñas Vedle nacer, Silencio que duerme o Ro, mi niño, ro, e una canción tradicional de Arxentina, Lirio del Alba. Manuel López, coñecido como o cura de Betanzos, que leva catro décadas dirixindo esta agrupación, agradeceu a presenza do público e dixo que acudían a este certame dispostos a “aprender algo e a pasalo ben”.
Pola súa banda, a Coral Polifónica padronesa, pertencente á Sociedade Cultural Padronesa, cantou as panxoliñas Arrurrú, meu neno e Regalos da Feira e interpretou as cancións Nosa Señora da Barca (Alalá de Muxía) e a cantiga popular galega Pasei o Mar de Marola, con arranxos de Feijóo Sousa. O seu director, Santiago López Blanco, informou que a agrupación está “cambiando o seu repertorio e centrándose máis na música galega”.
Ao rematar as tres actuacións, a concelleira de Cultura, Lorena Couso, e o concelleiro de Relacións Veciñais, Francisco García, entregáronlle aos representantes de cada unha das corais un agasallo en recoñecemento pola súa participación neste festival. Como é tradicional, o presidente da Coral Polifónica Padronesa, Manuel Bascoy, agasallou á concelleira cun ramo de rosas. Lorena Couso resalta a importancia deste certame “como aposta e defensa da nosa cultura que fai o goberno de Padrón. Un certame con máis de trinta anos de historia que representa, tamén, o inicio do programa de Nadal no municipio”.
Para rematar e agradecer a presencia do público, as tres agrupacións interpretaron xuntas o tema Adeste Fidelis baixo a dirección de Manuel López, que antes de trasladarse a Betanzos foi capellán en Padrón e director da agrupación local.