Print this page
-->

A Rula percorrerá Padrón para levar actividades de Nadal polas parroquias

  • A iniciativa desenvolverase do 26 de decembro ao 4 de xaneiro //
  • Para poder participar é preciso anotarse no Centro Social //
  • Lorena Couso: “Queremos facer partícipe á veciñanza do rural, por iso a Rula aterrará cada día nunha parroquia enchéndoa de talleres, xogos e actividades” //

 

O Concello de Padrón quere levar este ano o espírito destas datas ás parroquias do municipio coa iniciativa O Nadal Rula, para que pequenos e maiores poidan compartir xogos, contos, aventuras e talleres coa axuda da Rula. Coincidindo coas vacacións escolares, o paxaro deseñado por David Orihuela viaxará de parroquia en parroquia avivando o corazón da xente.

As Rulas xa están traballando en Padrón para encher este Nadal dunha maxia única “con obradoiros lúdicos destinados a un público familiar, no que pais e nais (mesmo avós e avoas) poidan desfrutar dun tempo de calidade cos seus fillos e netos”, asegura a concelleira Lorena Couso. “Queremos facer partícipe tamén á veciñanza do rural das actividades de Nadal, por iso a Rula aterrará cada día nunha parroquia, enchéndoa de talleres, xogos e actividades e ao día seguinte voará cara o seu próximo destino”, engade.

En total o Nadal Rula por Padrón desenvolverá polas parroquias 4 obradoiros artísticos, 5 talleres de cociña, 2 contacontos e tres obradoiros de xogos. En todos os lugares a actividade iniciarase cun breve contacontos e a presentación da Rula de Padrón.

A primeira parada da Rula será o día 26 de decembro na Escravitude, onde tras presentarse, animará aos asistentes a elaborar unha Rula de peluche e a preparar galletas con caixiña.

O día 27 aterrará en Pazos cun taller para a creación dun boneco de neve nun bote de cristal con auga e purpurina. Os participantes deberán traer da casa un bote pequeno de vidro (de marmelada ou similar). Celebrarase tamén un obradoiro de cociña no que se elaborará un biscoito con bolsa decorada.

A Iria chegará o día 28, tamén con distintos xogos con paracaídas, pelotas e outros elementos da Rula de Nadal e un taller de cociña no que se elaborará un tronco de Nadal con galletas, manteiga e chocolate.

O día 29 a Rula aparecerá en Extramundi co contacontos Lu Moscaru e os Paxaros da Luz en formato de pictoconto. Tamén haberá un taller de cociña na que as persoas participantes farán muffins de Nadal decorados en bandexa.

O día 2 de xaneiro en Carcacía a Rula levará o xogo das Sete Pupieiriñas do Nadal e un taller de cociña no que se elaborará un tren de Nadal con lambetadas.

O día 3 a Rula descansará en Herbón e animará a participar nun xogo tipo concurso de “canto sabes do Nadal?” e un taller artístico no que se elaborará un monicreque de Rei Mago.

A Rula despedirase o día 4 de xaneiro na Ponte co contacontos de Breixo e o Rei mago, este último en formato pictoconto, e un taller artístico no que se confeccionará un Rei Mago portachocolatina.

As actividades do Nadal Rula por Padrón celebraranse sempre entre ás 11.00 e as 13.00 horas nos lugares indicados. Para participar nos obradoiros e xogar coa Rula é necesario anotarse no Centro Social de Padrón. As inscricións xa están abertas.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…