Print this page
-->

O Concello de Padrón renova a súa colaboración con Ategal-Aulas Sénior de Galicia

  • O alcalde de Padrón e o presidente de Ategal asinaron hoxe o convenio de colaboración para o curso 2022-23 //

  • Antonio Fernández destaca a aposta do goberno padronés na formación permanente de persoas maiores de 50 anos e o incremento da achega anual á entidade //

  • As Aulas Sénior de Padrón, con 210 alumnos e alumnas, supera en matrícula á das aulas das grandes urbes galegas como Santiago, Vigo, Ourense ou A Coruña //

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e o presidente da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos-Aulas Sénior de Galicia (Ategal), Ángel Fagilde Trabada, veñen de asinar hoxe o convenio de colaboración entre ambas entidades para o desenvolvemento das actividades e programa das Aulas Sénior de Padrón para o presente curso lectivo 2022-23. En virtude deste convenio, o goberno padronés achegará unha contía de 6.300 euros para o desenvolvemento das actividades das Aulas Sénior de Padrón, a cesión das instalacións onde se desenvolve a súa actividade (locais do Centro Social e os pavillóns de deportes municipais) e o persoal necesario para algunhas das actividades e cursos que se celebran na entidade.

Pola súa banda, Ategal comprométese a levar a cabo dende o 17 de outubro de 2022 ata o 31 de xullo de 2023 a ampla oferta lúdico-formativa e de saúde programada neste curso tanto na vila como nas parroquias de Carcacía, Extramundi e no núcleo de Angueira de Suso (A Escravitude), destinadas ao colectivo de maiores de 50 anos, así como o desenvolvemento dos cursos e das accións puntuais ao longo do curso lectivo, como o programa Sumando calidade á vida que comezou o pasado 4 de novembro e que se desenvolvera todos os venres ata o 16 de decembro. Todos os cursos e as actividades de Ategal que se desenvolven en Padrón realízaas a entidade co apoio do Concello.

Na sinatura do convenio de colaboración tamén estiveron presentes a concelleira da Terceira Idade, Lorena Couso; a vicepresidenta de Ategal-Aulas Sénior de Galicia, Paula Sande, e a directora de Ategal-Aulas Sénior de Padrón, Cruz Taboada.

20221109 Pola esquerda paula sande angel fagilde antonio fernandez angueira Lorena couso Cruz taboada na sinatura convenio colaboracion aulas senior 1

Antonio Fernández subliña que o goberno que preside duplicou este ano a aportación anual a Ategal, consciente do incremento da demanda que están a ter as actividades das Aulas Sénior de Padrón entre o colectivo de persoas maiores de 50 anos. “Este ano facemos unha achega de 6.300 euros, fronte aos 3.000 euros doutras anualidades”, manifesta o alcalde de Padrón, recalcando que “as Aulas non só manteñen neste curso lectivo a súa actividade senón que duplicaron a súa oferta formativa, e, por conseguinte, os seus gastos; de aí que tamén nós incrementemos a achega do Concello”.

O mandatario padronés sinala que tras o parón destes últimos anos derivados das restricións da Covid-19, a matrícula das Aulas Sénior de Padrón incrementouse e hai unha maior demanda. “Os maiores de 50 anos teñen necesidade de recuperar a normalidade, relacionarse, facer exercicio físico, continuar formándose e manterse activos”.

Antonio Fernández Angueira tamén quixo destacar a gran labor que están a realizar as Aulas Sénior de Padrón coas persoas maiores de 50 anos, tanto en Padrón como nas parroquias de Carcacía, Extramundi e A Escravitude (no lugar de Angueira de Suso). E, neste senso, dixo que o obxectivo do Concello non é só manter as actividades destinadas a este colectivo nestes núcleos senón ampliar a oferta lúdico-formativa das Aulas Sénior de Padrón a máis zonas do rural padronés.

Actualmente, as Aulas Sénior de Padrón contan con 210 persoas matriculadas; unha participación moi superior en número de matrícula e tamén no que atinxe á oferta lúdico-formativa á das aulas sénior das grandes urbes galegas como Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo ou mesmo Ferrol, o que as converte en todo un referente en Galicia. No primeiro trimestre de 2023, as Aulas Sénior de Padrón cumprirán 30 anos.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…