Print this page
-->

A exposición de Pedro Castro e un concerto abren o reencontro de Padrón coa Galicia medieval

  • O alcalde e a concelleira de Cultura presidiron onte os actos //

  • As obras pictóricas poderán verse ata o día 14 de novembro no auditorio //

20221103 Padron reencontro galicia medieval exposicion e concerto 6

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, inaugurou onte a exposición do pintor ferrolán Pedro Castro Couto coa que Padrón se reencontra coa Galicia medieval. A mostra forma parte dun proxecto que inclúe tamén un concerto, una unidade didáctica para alumnado da ESO e unha conferencia sobre castelos, que pretende achegar á veciñanza a unha “época moi colorista, porque a Idade Media non foi unha etapa escura, como poderíamos pensar”, aseguraron Fernández Angueira e Xosé Antonio Ponte Far, coordinador do proxecto. No acto de inauguración tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso e a catedrática Eva Ocampo Vigo.

Para o alcalde, o proxecto cultural Reencontro coa Galicia Medieval “é moi interesante e completo, e axúdanos a redescubrir á época medieval dende outra perspectiva, non só a histórica, senón tamén a emocional”. O obxectivo deste proxecto é, precisamente, amosar esa parte máis creativa dunha época “que para nada foi escura, como moitos puideran pensar. Os canteiros que esculpiron o Pórtico da Gloria e tantas catedrais non podían ser uns bárbaros”, asegurou o catedrático Ponte Far.

 O primeiro contacto con esta época é a exposición de Pedro Castro, composta por 25 cadros moi coloristas nos que o artista ferrolán afincado na Coruña amosa diferentes oficios, tradicións e costumes da época despois dunha fonda investigación.

20221103 Padron reencontro galicia medieval exposicion e concerto 1

Tras inaugurar a exposición, que se poderá visitar ata o día 14 deste mes, o grupo Gallaecia Medievallum ofreceu un concerto de música medieval no auditorio municipal. Formado pola soprano Victoria Álvarez Acón, o zanfoñista e frautista Eloy Vázquez e o percusionista Alberto Cabezas, a agrupación interpretou diferentes cantigas.

20221103 Padron reencontro galicia medieval exposicion e concerto 8

O vindeiro xoves, 10 de novembro, a catedrática Eva Ocampo Vigo presentará a unidade didáctica A Idade Media en Galicia (S. V-XV) dirixida ao alumnado de Secundaria, na que se explica a historia, as costumes e a arte da época medieval en Galicia. Unha proposta educativa-divulgativa para que o alumnado coñeza as raíces medievais.

Tamén o xoves, Xosé Antonio Ponte Far ofrecerá unha conferencia sobre os castelos medievais en Galicia.

Reencontro coa Galicia Medieval é un proxecto promovido polo Grupo Medievalium Gallaecia que conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración dos concellos de Padrón e de Negreira e a Afundación. Todas as actividades programadas nesta iniciativa forman parte da programación do Outono Cultural do Concello de Padrón.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…