-->

Bota a andar en Padrón o proxecto Mulleres fronte a emerxencia climática

O grupo está formado por unha ducia de participantes de distintas idades e conta con figuras femininas significativas da contorna vinculadas ao traballo e coidado da terra //

A primeira sesión incidiu sobre as consecuencias do cambio climático, a transmisión de saberes e prácticas respectuosas co medio //

A iniciativa parte de Feitoría Verde e conta coa implicación da Oficina de Voluntariado de Padrón e o co-financiamento do Concello //

A emerxencia climática é unha realidade á que non podemos dar as costas e as mulleres poden _e deben_ xogar un papel determinante na loita contra o cambio climático nas súas contornas, tanto polos seus coñecementos en saúde alimentaria, nos coidados da terra e das persoas mesmo pola súa acción educativa. Así quedou patente na primeira reunión de traballo do proxecto Mulleres fronte a emerxencia climática que onte botou a andar en Padrón da man da cooperativa Feitoría Verde e ao que se sumou a Oficina de Voluntariado de Padrón.

O grupo constituído en Padrón está integrado por unha ducia de mulleres  de distintas idades e profesións. E conta con figuras femininas significativas da contorna moi vinculadas co traballo e o coidado da terra e á transmisión ecolóxica e respectuosa co medio. Trátase de Carmen Pazos Rabuñal, de Herbogo (Rois), unha muller que leva anos apostando pola agricultura ecolóxica, os produtos locais e o mercado de proximidade; Milagros González, presidenta de A Pementeira; ou Elisa Balado, de Extramundi, todo un cumio de sabedoría popular que aos seus 87 anos segue a traballar con respecto e mimo as súas fincas seguindo os saberes transmitidos oralmente de nais a fillas.

A concelleira de Igualdade e Muller, Xuventude e Voluntariado de Padrón, Lorena Couso, destacou a importancia deste proxecto e recalcou que o obxectivo desta iniciativa é “poñer en valor a relevancia de todas esas mulleres que, no seu ámbito de actuación e na súa contorna, realizaron un papel determinante no coidado da terra e das persoas”. Un papel que recalcou “foi determinante e o segue a ser no actual contexto de transición ecolóxica e na procura da efectiva igualdade.

Desde que o cambio climático comezou a perfilarse como protagonista dunha crise ambiental planetaria —xa polos anos 70—, a meirande parte das propostas de solución centráronse nas alternativas tecnolóxicas; unha tendencia que se ten trasladado de igual xeito ás iniciativas de sensibilización e educación, centradas na alfabetización científica. Porén, nos últimos anos tense feito un chamamento a incorporar a dimensión social á articulación de estratexias de adaptación e mitigación climática, así como ás intervencións educativas que deberían acompañalas. É na articulación destas accións que o xénero adquire unha relevancia significativa.

A sesión de onte, a primeira do grupo, serviu de toma de contacto entre todas as participantes, seguida dunhas dinámicas grupais relacionadas coa emerxencia climática a través de fotografías onde se tomou consciencia do panorama mundial ao que se enfronta a sociedade: incendios, migracións forzosas derivadas de situacións climatolóxicas extremas, efectos nocivos dos refugallos e da contaminación das augas, amoreamento de residuos, etc...Para, tentar chegar a unha reflexión xeral sobre o papel que poden xogar as mulleres na súas contornas ou as accións que se poden adoptar para reverter a situación actual. Cuestións sobre as que se afondarán nas seguintes sesións de traballo.

Tamén se compartiron experiencias,  puxéronse sobre a mesa historias e lendas da contorna esquecidas; coñecéronse os distintos usos que se lle daban a certos espazos hai uns anos e como mudaron en tan pouco tempo de tal xeito que dunha xeración a outra xa non se lembran; a importancia do traballo comunitario, hoxe practicamente residual, e compartíronse saberes e prácticas empregadas antano nas labores de agricultura, e que, a xuízo das participantes, eran máis respectuosas.

O obxectivo do proxecto, que culminará no mes de marzo, é realizar unha acción final, autoxestionada polas participantes na cal amosarán todo o traballo realizado ata a data, dando traslado deste á comunidade. Tratarase dunha actividade de sensibilización de carácter educativo, para que deixe pouso. Desenvolverase presumiblemente cos centros educativos de Padrón.

O proxecto conta co co-financiamento do Concello de Padrón, a través da Oficina Municipal de Voluntariado, e o Programa de subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero no ano 2022, da Deputación da Coruña.

Desenvolverase simultaneamente tamén nos concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela e A Pobra do Caramiñal.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…