Print this page
-->

Outono Cultural conxunto en Padrón e Rois con máis espectáculos para chegar a máis público

Os alcaldes Antonio Fernández e Ramón Tojo destacan que por primeira vez ofrecen unha programación coordinada  ||   

O auditorio roisense acollerá os espectáculos de outubro  ||   

A capital do Sar tomará o testigo en novembro e decembro  ||   

A oferta teatral sobresae nun programa que inclúe concertos, exposicións ou conferencias  ||   

 

O desexo de ampliar o número de espectáculos e o tipo de propostas para reforzar a oferta cultural levou aos concellos de Padrón e Rois a unir os seus esforzos e a deseñar por primeira vez unha programación coordinada para o último trimestre do ano. O resultado é Outono Cultural, un programa que inclúe unha vintena de espectáculos e que se iniciará en Rois en outubro para despois levar ao público dos dous concellos a Padrón nos meses de novembro e decembro. Concertos, exposicións ou conferencias son algunhas das propostas, entre as que destacan as obras de teatro, que se ofrecerán de xeito gratuíto.

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, resaltaba esta mañá na presentación da iniciativa que “ao ser dous concellos moi próximos, deste xeito podemos ofrecer máis espectáculos e chegar a un maior número de persoas”. O seu homólogo de Rois, Ramón Tojo, engadía que deste xeito “contamos cun orzamento global maior, aforrando recursos en cada concello, e incrementamos o apoio á cultura galega, ao darlle a oportunidade a máis compañías para que poidan representar as súas obras”. Os dous alcaldes volveron destacar os beneficios que supón levar a cabo actuacións conxuntas entre os municipios da Comarca do Sar, como ocorre cos obradoiros de emprego, na promoción de rutas turísticas ou, neste caso, na programación cultural.

A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, explicou que o auditorio municipal de Rois acollerá os cinco espectáculos teatrais que se desenvolverán no mes de outubro e que se iniciarán o sábado 8 coa interpretación por parte da Agrupación teatral Pedroso da obra Nin o demo entende as mulleres. A programación continuará o sábado 15 con Go on!, de Malasombra Producións; e terá dobre sesión na seguinte fin de semana con Metamorfosis e o Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo), o venres 21 e o sábado 22, respectivamente; e pecharase o sábado 29 coa repressentación de A parábola do angazo, de Talía Teatro. 

En novembro, colle o testigo Padrón con propostas para todas as fins de semana do mes, festival de corais, actuación da banda municipal e sesións de achegamento á historia medieval, segundo explicou a concelleira de cultura, Lorena Couso. A programación comeza o xoves 3 coa inauguración da exposición de pintura Reencontro coa Galicia medieval e o concerto Medievalium Gallaecia e continúa na mesma semana coa obra Os cravos de prata, a cargo da asociación de mulleres rurais A Carballeira de Extramundi o venres 4, e DROP, do gañador do XXI Premio Maruxa Villanueva Pablo Reboleiro o sábado 5. “Unha vez rematada a obra de teatro, o Concello de Padrón entregaralle a Pablo Reboleiro o galardón que lle otorgou o xurado deste premio”, especificou Lorena Couso.

Para a segunda semana de novembro están programadas outras tres propostas. Unha conferencia sobre os castelos medievais galegos o xoves 10; a presentación do documental Galicia peregrina. A ruta portuguesa de Santiago e a actuación musical Fado Fusión a cargo de Erea Castro co seu proxecto Arraial o venres 11; e a representación De algo hai que morrer, de Malasombra Producións, o sábado 12. 

O venres 18 volverá o teatro con Un bombón inesperado, da compañía de Teatro Martabellas, antes de honrar á patroa da música co festival de corais no que participarán a Padronesa xunto ás de Cariño e Carballo o sábado 19, e un concerto da Banda de Música Municipal de Padrón o sábado 26.

E, xa en decembro, máis teatro con Conexión Pingüin o venres 2, República Sideral o sábado 3, Complexo de Edipo, de Quico Cadaval o venres 9; e Xacovedra, de Andaravía Teatro, o sábado 10.   

20220929 Alcaldes Padron Rois presentan Outono Cultural conxunto 6

Propostas para público familiar

A maiores do Outono Cultural, Antonio Fernández Angueira avanzou que Padrón ofertará en outubro seis propostas orientadas á cativada e ao público familiar. Esta programación iniciarase o venres 7 de outubro co espectáculo de música e xogos Xogar e aprender en galego mola. Así mesmo, inclúe a función do mago Kiko Pastour, que forma parte do Festival mundial de ilusionismo Galicia ilusiona, o martes 11; o contacontos para bebés Zapatos, o venres 14; o espectáculo de narración, música e escultura A árbore calada, o martes 25; e dous talleres educativos sobre invertebrados, que se desenvolverán os venres 21 (para peques de 3 a 6 anos) e 28 de outubro (para nenas e nenos de 7 a 12 anos).

Pola súa banda, Ramón Tojo sinalou que en Rois está programada unha actuación para público familiar o martes 18 de outubro de Caramuxo Teatro, que representará a obra Catro no auditorio municipal pola tarde. Pola mañá haberá funcións para os escolares.

Todas as actividades son gratuítas nos dous concellos. No caso de Padrón haberá que recoller entradas no centro social a partir do 10 de outubro para o contacontos Zapatos e para os obradoiros.  

Para a programación do Outono Cultural, os concellos de Padrón e Rois contan coa colaboración da Xunta de Galicia, nalgúns casos a través do programa Ler conta moito, e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…