Print this page
-->

Padrón presenta a oferta das Escolas deportivas municipais e de actividades para adultos con tenis e voleibol como principais novidades

  • O día 12 abre o prazo de matrícula só para persoas empadroadas no municipio e a partir do día 19 para todo o público
  • Nesta edición contémplase xa a nova ordenanza de cotas aplicadas na inscrición
  • O curso comezará o 26 de setembro

O Concello de Padrón vén de facer público a ampla oferta deportiva para o curso 2022-23 das Escolas deportivas municipais así como de actividades físico-deportivas para persoas adultas. Unha proposta deportiva que comezará a súa andaina o 26 de setembro e que este ano retoma á normalidade, despois das dúas últimas tempadas marcadas polas restricións e os estritos protocolos de seguridade derivados da Covid-19.

As principais novidades que presenta o programa deseñado polo Concello de Padrón, a través da concellaría de Deportes, en colaboración coa Deputación da Coruña, son a implantación da escola deportiva municipal de voleibol e a actividade de tenis para maiores de 14 anos. Tamén está a implantación da nova ordenanza de cotas xa aplicada na inscrición.

O vindeiro luns, 12 de setembro, abrirase o prazo de matrícula só para persoas empadroadas no municipio. A partir do 19 de setembro poderán matricularse todas aquelas persoas que residan en Padrón pero que non estean censadas ou da contorna que así o desexen.

No canto ás cotas para este curso 2022-23, aos menores de 3 a 17 anos aboarán 40 euros de matrícula e 5 euros por actividade; á mocidade de 18 a 25 anos, 50 € de matrícula e 7 € por actividade; os adultos de máis de 26 anos, pagarán 60 € de inscrición e 10 € por actividade. O Concello de Padrón tamén contempla o carné familiar (matrimonio e fillos menores de 18 anos). Neste caso a matrícula para o curso completo será de 120 euros e 5, 7 e 10 euros por actividade. As familias numerosas terán un desconto do 10%.

Este curso, as Escolas deportivas municipais contan na súa categoría formativa con motricidade; ximnasia rítmica (dous niveis), atletismo, tenis, voleibol, patinaxe artístico, xadrez e fútbol sala (tres grupos).

Mentres que nas actividades físico-deportivas para maiores de 14 anos ofértase cardio-fit, fit-bike, pilates, GAP-cardio, ximnasia de mantemento, hipopresivos, espalda saudable, tenis, xogos populares-chave, ioga-relaxación, tono e andainas. Algunhas destas actividades teñen varios grupos debido a alta demanda de participantes. Cardio-fit e fit-bike, contan con dous grupos en diferentes horarios, e hipopresivos, con tres.

Para realizar a matrícula ou obter máis información as persoas interesadas deberán contactar por email nos enderezos electrónicos Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.; por teléfono, marcando o 664 076 974 ou o 981 811 329 ou dirixirse en persoa á oficina de Deportes, situada no Centro Social de Padrón (Campo do Souto).

Tamén se inclúe na oferta deportiva para este curso a actividade física para maiores de 50 anos de ATEGAL-Aulas Sénior de Padrón. Neste caso, as persoas interesadas deberán contactar directamente coa oficina de ATEGAL Padrón (Centro Social ou no teléfono 611 030 451) e formalizar alí a súa inscrición.

Toda a programación das escolas deportivas municipais e a oferta de actividades físico-deportivas para adultos para o curso 2022-23 pode consultarse aquí.

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…