Print this page
-->

A conselleira reúnese en Padrón con alcaldes da ría de Arousa para afrontar con maiores garantías o abastecemento de auga a case 93.000 habitantes

A potabilizadora de auga ubicada en Padrón e xestionada pola Xunta abastece aos concellos da marxe dereita da ría e a Vilagarcía || 

Ethel Vázquez recordou que a Lei de mellora do ciclo integral da auga, que entrará en vigor mañá, permitirá aos concellos blindar os seus sistemas de abastecemento fronte á seca con apoio da Xunta  ||  

A conselleira salienta que este é o único dos grandes sistemas de abastecemento xestionado pola Xunta, porque así llo encomendaron de xeito voluntariado os concellos en 2004  ||    

O obxectivo de cara ao futuro é impulsar actuacións de ampliación na potabilizadora de Padrón, que explota a Xunta para tratar a auga captada do Ulla e serve a 10 concellos, para blindar o abastecemento e reforzar o abastecemento a Vilagarcía de Arousa  ||  

A conselleira salienta que a Lei do ciclo integral da auga axudará aos concellos na xestión dunhas competencias municipais complexas, mellorando os servizos que se lles prestan aos cidadáns e contribuíndo ao coidado dos ríos e rías  ||  

Subliña que a nova norma, á que os concellos poderán adherirse de forma voluntaria encomendándolle a Augas de Galicia a xestión dos seus servizos da auga, suporá unha maior profesionalización e menores custos ao aplicar as economías de escala  ||  

Tamén contribuirá a evitar fugas nas redes municipais de abastecemento, que supoñen, de media, un 40% e que incluso poden superar o 60% nos concellos máis pequenos, de menos de 2.000 habitantes  ||  

20220831 Padron sede reunion Xunta Concellos abastecemento auga ria Arousa 5 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, desprazouse hoxe ata o Concello de Padrón para manter unha reunión de traballo cos alcaldes e representantes dos 10 concellos conectados ao sistema de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa. Ao comezo da reunión lembrou que que a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que entrará en vigor mañá, permitirá aos concellos blindar os seus sistemas de abastecemento fronte á seca con apoio da Xunta.

Antes do encontro, o alcalde de Padrón lembrou a importancia de facer un consumo responsable da auga nuns momento de seca como as que estamos a vivir, e lembrou que a estación potabilizadora de auga que a Xunta construíu en Padrón garante auga potable aos dez concellos da marxe dereita da ría de Arousa. Na xuntanza tamén estivo presente o tenente de alcalde padronés José Ramón Pardo.

O abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, un exemplo da xestión profesionalizada da auga que pode realizar a Xunta en apoio aos concellos, dixo Ethel Vázquez, que recordou que este é o único dos grandes sistemas de abastecemento que é xestionado pola Xunta porque así llo encomendaron os concellos no ano 2004, en lugar de apostar por unha xestión mancomunada. Trátase dun sistema que serve auga a Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Catoira, Valga, Pontecesures e ao que está conectado tamén Vilagarcía de Arousa.

Na xuntanza, a Xunta e os concellos analizaron as fórmulas para estar mellor preparados e anticiparse para poder afrontar con maiores garantías o abastecemento aos preto de 93.000 habitantes destes municipios. 

A conselleira lembrou que desde o mes de febreiro se mantén en “situación de seca prolongada” este sistema do río Ulla e da marxe dereita da ría de Arousa ao que pertencen estes 10 municipios, aínda que nesta zona a situación non é especialmente preocupante, tendo en conta que o Ulla é o río máis caudaloso da demarcación de Galicia-Costa e non rexistrou un descenso abrupto no caudal.

A planta potabilizadora situada en Padrón, que explota a Xunta, é a que permite tratar a auga captada do río Ulla para abastecer estes municipios, ben como única fonte de abastecemento, ou ben como reforzo ás captación propias que ten cada Concello.

A conselleira referiuse ao obxectivo da Xunta, común e compartido, de cara ao futuro, de impulsar actuacións de ampliación na potabilizadora de Padrón para blindar o abastecemento, o que permitirá tamén que o Concello de Vilagarcía, que está conectado ao sistema, poida usalo como reforzo.

Ethel Vázquez puxo en valor que coa xestión deste sistema de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, a Xunta está a facilitar a coordinación no ámbito municipal e a reducir os custos do servizo, acadando tamén unha maior profesionalización e eficiencia na prestación do abastecemento. E lembrou que este comedido, axudar aos concellos na xestión dos servizos municipais da auga, tanto de abastecemento, como de saneamento e depuración, é o que tamén pretende a Xunta coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

A conselleira salientou que con esta lei a Xunta quere apoiar aos concellos na xestión dunhas competencias municipais que, dixo, “sabemos que son complexas e complicadas”, mellorando os servizos que se lles prestan aos cidadáns e contribuíndo ao coidado dos nosos ríos e rías”, remarcou. Trátase dunha nova norma á que os concellos poderán adherirse de forma voluntaria, encomendándolle á Xunta, a través de Augas de Galicia, a xestión dos seus servizos da auga se así o desexan. Isto suporá unha maior profesionalización e tamén menores custos na xestión ao aplicar as economías de escala. A lei tamén contribuirá a atallar as fugas nas redes municipais de abastecemento, que supoñen, de media, un 40% e que incluso poden superar o 60% nos concellos máis pequenos, de menos de 2.000 habitantes.

Concienciación e uso responsable

A conselleira cualificou o encontro  cos concellos de “acaído e necesario”, dada a situación grave de seca que está a vivir en Galicia, que non é exclusiva da comunidade, senón que afecta a España e a toda Europa, que sofre a peor seca desde hai 500 anos, segundo os expertos.

Apuntou á situación da escaseza de choivas que se leva arrastrando desde o pasado outono, o que fixo que, xa no mes de febreiro, boa parte da demarcación Galicia-Costa, a conca hidrográfica de competencia autonómica, estivese en “situación de seca prolongada”, como é o caso do sistema do río Ulla e marxe dereita da ría de Arousa ao que pertencen os dez municipios convocados á xuntanza.

Desde o mes de febreiro a Xunta vén insistindo na necesidade de concienciación e do uso responsable da auga, evitando usos innecesarios, tanto por parte das administracións, como das empresas e da cidadanía en xeral, para tratar de evitar chegar a situacións nas que o abastecemento poida chegar a estar comprometido.
Ethel Vázquez salientou que é necesario, como sociedade, camiñar cara a unha nova cultura da auga que prime o aforro e a contención no consumo, e apostar pola súa reutilización, como un piar básico para afrontar épocas de seca como as que se están a sufrir e tamén como un camiño obrigado para explorar, remarcou.

20220831 Padron sede reunion Xunta Concellos abastecemento auga ria Arousa 2

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…