Print this page
-->

Padrón suspende a Feira Medieval pola previsión de mal tempo para a fin de semana

  • Mantéñense as actuacións infantís de xoves e venres  ||  

  • Os Quinquilláns representan mañá ‘Terra de raíñas’ na praza de Macías  ||  

  • Óscar Ibáñez & Tibo ofrecerán o concerto programado polo Xacobeo o venres en Fondo de Vila  ||  

 

O Concello de Padrón vén de anunciar a suspensión da XV Feira Medieval e Gastronómica no Padrón Xacobeo, que se ía  celebrar do 2 ao 4 de setembro, debido á previsión de mal tempo durante a fin de semana. Porén mantéñense algúns dos espectáculos programados ata o venres, como a representación teatralizada dos Quinquilláns, as actuacións de Títeres Cachirulo, Paporrubio ou o concerto de Óscar Ibáñez & Tribo.

Tanto Meteogalicia como a Axencia Estatal de Meteoroloxía anuncian unha alta probabilidade de choiva para a fin de semana, con temperaturas baixas para esta época do ano, debido a unha profunda borrasca que se vai colocar sobre as Illas Británicas. Por este motivo, o Concello de Padrón decidiu cancelar a Feira Medieval, que ía comezar o venres ás seis da tarde e pechar o domingo pola noite.

Esta suspensión non inclúe as actuacións programadas ata o venres ás dez da noite. Mañá, mércores, día 31 de agosto, Os Quinquilláns ofrecerán o seu espectáculo de rúa Terra de Raíñas, ás 20.00 horas na praza de Macías.

Os espectáculos infantís do xoves e venres mantéñense no paseo do Espolón. Títeres Cachirulo presenta o xoves (19.00 horas) Don Gaiferos e o Dragónque inclúe un obradoiro de construción dun monicreque, peregrino ou dragón e a exposición Retablos Xacobeos para facer os teus retratos

O venres 2, a compañía Paporrubio ten previstas dúas actuacións, tamén no Espolón. As 19.00 horas ofrece Xogos do Paporrubio, no que combina teatro e música. E a partir das 21.30 comezará a actuación de títeres Varietés do animalario.

Óscar Ibáñez & Tribo, o venres en Fondo de Vila

O concerto de Óscar Ibáñez & Tribo, programado dentro do ciclo de concertos do Xacobeo, é o único que se mantén. O gaiteiro e frautista pontevedrés recalará en Padrón o venres 2 de setembro para ofrecer un espectáculo musical de primeira. E non o fará só, senón que virá acompañado da súa banda, Tribo, formada por músicos de longa e recoñecida traxectoria.

O artista pontevedrés aproveitará para presentar o seu último traballo Da Terra, que inclúe pezas de antigos traballos discográficos como Alén do Mar e temas novos. Será na praza Fondo de Vila, ás 22.00 horas, con entrada gratuíta.

Sobre o escenario estará acompañado polo acordeón de Fernando Fraga (Carlos Núñez); polo violín de Harry.c (Milladoiro); a guitarra de Manuel Cebrián e o baixo de Paco Dicenta (Mercedes Peón); pola batería e percusión de Carlos Castro (Budiño) o xilófono de Carla Villanueva e cinco gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia de Porto do Son, dirixidos por Xosé Romero Miguéns.

Óscar Ibáñez & Tribo realizou máis de 200 concertos en toda España, Portugal, Bretaña e Italia. Estivo presente no Festival Intercéltico de Lorient; o Capodanno Céltico de Milán, o da Máscara Ibéricar de Lisboa e o do Mundo Celta de Ortigueira. A súa actuación en Padrón promete ser unha espectacular e enérxica viaxe sonora a través da música tradicional galega, chea de orixinalidade e creatividade, nunha mestizaxe innovadora na que predomina a música celta.

O concerto enmárcase dentro do ciclo de concertos do Xacobeo e conta coa colaboración da Xunta e do Concello de Padrón.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…