Print this page
-->

Encontro en Herbón entre os nenos e nenas dos campamentos urbanos de Padrón e Brión

Da man de dous personaxes singulares, Frei Estradón e do Bardo Bernardo, coñeceron o convento franciscano, a súa contorna e o valor do río Ulla //

 

A xornada de convivencia incidiu sobre a figura de Macías O Namorado e as cantigas de escarnio e maldicir //

 

O programa de conciliación padronés, que finaliza o vindeiro 17 de agosto, xira en torno a temática medieval //

Os nenos e as nenas participantes no Campamento urbano 2022, organizado polo Concello de Padrón nas instalacións do Convento de Herbón, recibiron hoxe aos integrantes do programa de conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións estivais de Brión. A xornada de convivencia serviu para afianzar lazos entre os dous grupos, compartir experiencias e dar a coñecer ao grupo brionés algunhas das actividades que se están a realizar no campamento padronés e que xiran en torno á temática medieval.

Da man de dous personaxes singulares que levan acompañando aos cativos e ás cativas de Padrón dende que iniciaron o pasado 4 de agosto a actividade de conciliación, Frei Estradón e o Bardo Bernado, os integrantes dos dous grupos realizaron unha visita guiada polo convento e pola contorna e participaron nun obradoiro de xogos de busca activa e realizaron xogos na auga na piscina do convento franciscano. Tamén coñeceron un pouco máis de preto á figura do trobador Macías O Namorado e as cantigas de escarnio e maldicir. O grupo anfitrión amosoulle ao de Brión algunhas das composicións musicais que realizaron. Co ukelele versionaron músicas actuais con letras de trobadores medievais.

A xornada de convivencia rematou coa visita ao campamento do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e das concelleiras de Cultura e de Festexos, Lorena Couso e Carmina Bustelo. Tamén asistiron por parte do Concello de Brión, as concelleiras de Turismo e Patrimonio e de Cultura, Yolanda Bouzas e Sandy Cebral, respectivamente.

O alcalde padronés destacou a boa acollida que está a ter o campamento urbano e a proposta lúdico educativa do mesmo.

O Campamento urbano 2022 de Padrón iniciou a súa andaina o pasado 4 de agosto. Ao longo destes días, a diversión e a aprendizaxe foron da man. Os rapaces e as rapazas levaron a cabo obradoiros de traballos manuais nos que confeccionaron escudos, espadas e cascos para, logo, participar nun singular torneo medieval. E, da man de Frei Estradón e o Bardo Bernardo, resolveron o misterio do documento roubado, a través dun xogo de dramatización. Tamén aprenderon a bailar algunhas das pezas do Medievo, que poderán poñer en práctica durante a XV Feira medieval e gastronómica que acollerá a vila padronesa en setembro.

Dinámicas de grupos, xogos no exterior e no interior, roteiros na natureza e para coñecer as plantas, flores e herbas da contorna do Ulla ou xogos de auga na piscina do Convento de Herbón foron outras das actividades enmarcadas na programación do Campamento urbano 2022; un campamento pensado para que os nenos e as nenas de Padrón vivan, sintan, gocen e viaxen na historia.

O campamento urbano 2022 finalizará o vindeiro mércores 17 de agosto, día no que os nenos e as nenas cociñarán algún prato ou doce medieval, que servirán na festa de clausura desta actividade de conciliación.

Premendo neste enlace poderás acceder á galería de fotos: https://acortar.link/inwbiS

20220812 Convivencia 2

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…