Print this page
-->

Yayo Daporta: “Os auténticos pementos de Padrón son os de Herbón”

  • O cociñeiro, natural de Cambados, oficiou de pregoeiro na XLII Festa do Pemento de Herbón, festa declarada de Interese Turístico de Galicia //

  • O alcalde en funcións, José Ramón Pardo, recibiu aos representantes da procesión de tractores no balcón da casa consistorial //

  • Intercambio de pementos e ramo de flores e ofrenda diante da estatua da pementeira marcaron os actos en Padrón //

  • Repartíronse na carballeira do convento máis de 1.000 quilogramos do afamado produto con denominación de orixe protexida //

20220806 festa pemento herbon racions

A parroquia padronesa de Herbón recuperou con éxito a súa tradicional Festa do Pemento de Herbón, unha cita que cumpre xa 42 edicións e que se viu interrompida neste dous últimos anos debido ás restricións derivadas da Covid-19. As gañas de festa, de troula e de retornar ás citas gastronómicas e festivas ineludibles do calendario galego neste mes de agosto, como é a do pemento de Herbón, fixéronse notar. Pola carballeira do Convento de Herbón, escenario principal da celebración culinaria que conta coa declaración de festa de Interese Turístico de Galicia, pasaron milleiros de persoas, ávidas de degustar os famosos pementos de Herbón e de comprobar o que reza o dito “uns pican e outros non”.

Tras a misa campestre celebrada na propia carballeira do convento franciscano, a xornada festiva arrancaba coa bendición da festa e coa tradicional procesión de tractores, na que participaron 25 vehículos agrícolas ben engalanados e decorados con motivos relativos á parroquia e ao seu produto estrela, o pemento.

A procesión partiu de Herbón para continuar o seu percorrido polas rúas de Padrón. Xa no centro da vila, o alcalde en funcións, José Ramón Pardo Andrade, foi o encargado de recibir á comitiva, acompañado das concelleiras de Cultura e Festexos, Lorena Couso e Carmina Bustelo, respectivamente, e do edil de Relacións Veciñais, Francisco García, xunto a membros da Corporación. Seguidamente, representantes da comitiva festiva entregáronlle unha cesta de pementos á edil de Festexos e recibiron do Concello un ramo de flores. Tras a recepción institucional, a comitiva realizou a tradicional ofrenda floral ante a estatua da pementeira.

20220806 festa pemento herbon intercambio concello

De volta na carballeira de Herbón, o condutor da festa, o locutor de Radio Valga, Héctor Bermúdez, presentaba ao pregoeiro desta 42 edición da Festa do Pemento de Herbón, o cociñeiro, natural de Cambados, Yayo Daporta.

O recoñecido chef quixo deixar ben claro que “os auténticos pementos de Padrón son os de Herbón”, dixo Yayo Daporta, quen resaltou tamén o esforzo das xentes de Herbón por defender o seu pemento e poñer á parroquia padronesa no mapa.

Tras o pregón e a entrega de premios aos tractores mellor engalanados, comezaba a degustación. En total, a comisión organizadora preparou máis de 1.000 quilogramos de pementos fritidos que foron repartidos quentiños nunhas preto de 4.000 racións, acompañados de cachelos e pan de millo. Para degustalos houbo que mercar previamente o prato de barro conmemorativo da festa, a un prezo de 3 euros.

En representación do goberno local asistiron á degustación as concelleiras de Cultura e de Festexos, Lorena Couso e Carmina Bustelo, respectivamente, e os concelleiros de Relacións Veciñais e de Mercado, Francisco García e Javier Guillán, respectivamente.

20220806 festa pemento Herbón asistentes

 

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…