Print this page
-->

Padrón e Santiago volven renovar os seus lazos de irmandade durante as festas do Apóstolo

O alcalde, Antonio Fernández Angueira, presidiu a comitiva padronesa que foi recibida en Compostela por Sánchez Bugallo  ||  

Os dous rexedores coincidiron en salientar os fortes vencellos que unen aos dous municipios dende o principio dos tempos  ||  

 

20220728 Alcalde Corporacion no Dia Padron en Santiago 6

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, presidiu hoxe a comitiva da Corporación padronesa que se desprazou ata a capital de Galicia para participar nos actos institucionais do Día de Padrón en Santiago, coincidindo coas festas do Apóstolo. Na praza do Obradoiro foron recibidos polo rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, e membros da corporación compostelá, para participar nun acto institucional no que se volveron renovar os lazos de irmandade que unen aos dous pobos.

Despois do correspondente intercambio de bastóns de mando diante da catedral, xa no pazo de Raxoi, Fernández Angueira e Sánchez Bugallo volveron resaltar os fortes lazos que unen a ambos municipios dende a constitución das propias cidades.

Fernández Angueira lembrou que Padrón as festas da Pascua foron declaradas Festa de Interese Turístico de Galicia, un recoñecemento ”no que Santiago foi unha parte moi importante”. O alcalde padronés tamén destacou como a finais dos anos cincuenta foi cando se celebrou por primeira vez o acto de irmandade entre Santiago e Padrón, polo que, entre outros aspectos, se intercambian visitas nas festas das Pascua e nas do Apóstolo.

O Camiño de Santiago é outro dos vínculos que máis fortemente une aos dous pobos, dixo Fernández Angueira, recordando que o fenómeno peregrinacións comezou coa chegada a Padrón da barca de pedra portando os restos do Apóstolo. “Recentemente nomeamos ao presidente da Xunta Peregrino de Honra, e seguro que nos axudará a reforzar aínda máis o prestixio do Camiño de Santiago en todo o mundo”.

Pola súa banda, Xosé Sánchez Bugallo destacou que Santiago e Padrón teñen “a relación máis estreita que se pode ser dende que hai 1.200 anos se fundou Compostela, cando xa existían Padrón e Iria Flavia”. Segundo o alcalde compostelán, ambos municipios “compartimos unha vocación e un interese asi como un tecido industrial, pero especialmente estamos unidos a través da peregrinación e don fenómeno turístico que este ano está a bater todos os récords”.

Fernández Angueira manifestou o seu desexo e convicción de que “este irmandamento durará moitos anos máis”. Unha vez rematados os actos protocolarios, os membros das dúas corporacións saíron ao balcón de Raxoi para escoitar o concerto que ofreceron as bandas municipais de música de Santiago e Padrón.

20220728 Alcalde Corporacion no Dia Padron en Santiago 16

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…