-->

Milleiros de persoas celebran o Santiaguiño en Padrón acudindo á procesión e a romaría

  • O ‘Parrandeiro’ volveu bailar durante a procesión polas rúas da vila e na subida ao monte San Gregorio //
  • As persoas que acudiron a romaría puideron degustar 500 quilos de sardiñas e outros 100 de cachelos que ofreceu o Concello de xeito gratuíto //
  • A festa infantil con DJ e escuma, o concerto dos Festicultores Troupe e o de Roi Casal poñen o remate ao Santiaguiño Fest Week //
  • Autobuses gratuítos entre O Souto e o Santiaguiño facilitaron que persoas con mobilidade reducida participaran na festa. //

 20220725 Romeria Santiaguiño do Monte Padron 23

As ganas de festa e de participar nunha das tradicións máis arraigadas quedaron hoxe de novo patentes en Padrón. Milleiros de persoas acudiron ata a capital do Sar para participar na festa do Santiaguiño do Monte, seguir a procesión polas rúas da vila, subir as 137 escaleiras ata o monte San Gregorio e, logo, gozar coa romaría popular, na que o Concello de Padrón repartiu 500 quilos de sardiñas e outros 100 de cachelos.

20220725 Romeria Santiaguiño do Monte Padron 27

Parrandeiro, nome co que se coñece ao Santiaguiño en Padrón, volveu percorrer hoxe as rúas do casco histórico de Padrón acompañado por outros seis santos e santas, que portaban veciños e veciñas de todas as idades. A comitiva oficial, presidida polas concelleiras de Festexos, Carmina Bustelo; Cultura, Lorena Couso, e o párroco Roberto Martínez, foi buscar os santos ás casas dos veciños que os custodian, e ao Santiaguiño, que estaba na casa consistorial. Despois fixeron un percorrido polo casco histórico acompañados de grupos de gaitas e moita veciñanza, rematando no paseo do Espolón.

Durante o percorrido non faltaron os tradicionais “bailes dos santos”, unha das características desta festa padronesa, na que os porteadores anímanse a seguir o ritmo da música para darlle alegría á procesión. Tras chegar de volta á igrexa de Santiago, só o Parrandeiro seguiu escaleiras arriba ata o Monte Santiaguiño, levado por catro mozos e acompañado por centos de persoas de todas as idades. Había ata bebés con traxe galego que participaron na festa.

20220725 Romeria Santiaguiño do Monte Padron 61

Na capela celebrouse a misa solemne, mentres moitas familias estaban xa escollendo e acondicionando as mesas para participar no xantar popular. O Concello de Padrón puxo a disposición dos romeiros 500 quilos de sardiñas asadas e outros 100 de cachelos, ademais de bolos preñados (con chourizo) para que ninguén marchara con fame. Ademais das viandas que cada un levaba da súa casa, no monte San Gregorio non faltaban os pratos máis tradicionais da romarías galegas: o polbo e o churrasco. 

20220725 Romeria Santiaguiño do Monte Padron 63

Entre música galega e moitas ganas de festa transcorreu a xornada. Para quen non podía subir andando ou en coche, o Concello habilitou unha liña de autobús entre o campo do Souto e o monte San Gregorio para que todo o mundo puidese participar da festa.

20220725 Romeria Santiaguiño do Monte Padron 85

Xa pola tarde tocoulle a vez á cativada, coa festa infantil, a festa da escuma, DJ e a holi party no propio monte, pouco despois de que os Festicultores Troup ofrecesen o seu concerto de sobremesa. Pola noite, despois de que o Santiaguiño volvese baixar do monte ata a casa consistorial, Roi Casal puxo o broche de ouro ao Santiaguiño Fest Week cun concerto memorable no escenario de Fondo de Vila.

20220725 Romeria Santiaguiño do Monte Padron 89

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…