-->

Padrón pídelle a Alfonso Rueda que recoñeza como oficial o Camiño da Pedronía

  • O presidente da Xunta recibe o premio ‘Padrón, Berce do Xacobeo’ e é nomeado Peregrino de Honra

  • O alcalde, Antonio Fernández, destaca no Día do Peregrino o labor do titular da Xunta na promoción de Galicia e do Xacobeo

 

O Concello de Padrón entregoulle onte ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o premio Padrón, Berce do Xacobeo, unha distinción que implica o seu nomeamento como Peregrino de Honra e que o acredita como embaixador padronés e do Camiño. O acto, celebrado na igrexa parroquial de Santiago, enmárcase na celebración do Día do Peregrino. O titular da Xunta agradeceu a distinción “sobre todo vindo dun pobo como Padrón que sabe o que representa o Camiño e a tradición xacobea. A honra é miña”, asegurou.

Para o alcalde de Padrón é incuestionable o gran labor de promoción que o actual xefe do Executivo galego realizou na promoción do Xacobeo e de Galicia. “O Concello de Padrón non pode senón aproveitar a ocasión para recoñecer os méritos dunha das persoas máis implicadas co Camiño durante os últimos anos: o presidente da Xunta de Galicia e, ata hai moi pouco, conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda”.

Fernández Angueira aproveitou a ocasión para poñer de relevo a importancia da vila padronesa na tradición xacobea, non só como un dos puntos destacados do Camiño Portugués, senón como berce do Xacobeo ao ser lugar onde desembarcou o corpo do Apóstolo. E nese senso aproveitou para reivindicar que a Xunta recoñeza oficialmente o Camiño da Pedronía como Camiño Xacobeo. “No noso municipio latexa con forza o corazón do Camiño, insuflándolle vida á nosa tradición máis importante. Por iso desde 2010 honramos a nosa historia coa creación da Pedronía”. 

Trátase dunha credencial propia na lembranza do desembarco do corpo do Apóstolo en Padrón e ao camiño que desde a antiga tradición xacobea medieval realizaban os peregrinos quen, tras visitar a tumba do Apóstolo en Compostela, peregrinaban a Padrón para coñecer o punto sagrado de desembarque do seu corpo. Un camiño que hoxe segue a ser percorrido por milleiros de peregrinos.

O presidente da Xunta recibiu a capa, o bastón de peregrino e unha réplica do Pedrón, que o acreditan como Peregrino de Honra de Padrón. Na súa intervención, Alfonso Rueda comprometeuse “a traballar un pouco máis por todo o que significa o Xacobeo e a marca Galicia”, e subliñou que o Camiño é “humildade, encontro interior e marca Galicia”, animando a todos a facelo algunha vez. O presidente recordou a contribución do Concello ao fenómeno xacobeo, por ser a onde chegou a barca cos restos do Apóstolo, pero tamén polo seu labor a favor do crecemento do Camiño Portugués, a ruta que máis está a medrar. “Padrón é un termómetro da fortaleza do Camiño”, dixo.

Cómpre subliñar que para obter a Pedronía é preciso realizar ben o camiño de Santiago de Compostela ata Padrón, unha ruta desde calquera localidade da Ría de Arousa a Padrón (da vía marítima-fluvial) ou un camiño desde calquera concello distante de Padrón mínimo 18 quilómetros.

20220720 Alfonso Rueda Peregrino Honra Padron 24

“Desde este Concello non podemos senón celebrar que o Camiño e a Pedronía están nas mellores mans posibles”, indicou o alcalde, argumentando que “por iso obsequiamos como Peregrino de Honra a Alfonso Rueda, sabendo que non haberá ninguén máis capaz nin comprometido con Galicia, co Camiño e con Padrón”.

Entre os asistentes ao acto atopábanse a directora da axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; a comisario do Xacobeo, Cecilia Pereira; o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; os alcaldes de Rois, Pontecesures, Valga,  Dodro, O Pino, Mos e Vilanova de Arousa, entre outros representantes de concellos da contorna.

Unha vez rematados os actos, a comitiva e a veciñanza gozou do concerto ofrecido pola Banda de Música de Padrón na Praza Manuel Rodríguez Cobián, situada fronte á igrexa de Santiago.

O galardón Padrón, Berce do Xacobeo, foi instaurado polo Concello no ano 2017 para destacar o traballo realizado por persoeiros relevantes a prol do Camiño de Santiago, co obxectivo de que o/a premiado/a exerza como embaixador/a de Padrón nas rutas xacobeas durante o ano seguinte á concesión do premio. O premio tamén pretende tributarlle un recoñecemento simbólico aos peregrinos que a día de hoxe xa forman parte da idiosincrasia e da vida cotiá de Padrón así como para divulgar e poñer en valor a relevancia da vila padronesa no contexto xeral da tradición xacobea.

Nas catro edicións xa celebradas foron distinguidos/as co premio Padrón, Berce do Xacobeo o periodista radiofónico Pepe Domingo Castaño (2017); o estudoso do Camiño de Santiago, Manuel Garrido Rivero (2018); a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro (2019) e o presidente da Academia Xacobea e ex conselleiro de Xustiza, Xesús Palmou (2021).

20220720 Alfonso Rueda Peregrino Honra Padron 05

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…