Print this page
-->

O Santiaguiño Fest Week arrinca este xoves coa actuación de Vella Escola e Esperanza Mara

  • Este festival súmase por primeira vez á celebración da festa do Santiaguiño do Monte con cinco días de concertos gratuítos //

  • O público miúdo contará coa súa propia festa o luns pola tarde //

  • Roi Casal pechará un programa ao que volve o Gran Derbi Asnal //

O Santiaguiño Fest Week, festival que se suma por primeira vez á celebración da festa do Santiaguiño do Monte con cinco días de concertos, arrincará este xoves 21 de xullo coa actuación de Vella Escola e Esperanza Mara. Música folk e urbana destaca nun programa que continuará ata o luns e que conta tamén cunha festa propia para o público infantil. A entrada a todos os espectáculos é gratuíta.

Vella Escola e Esperanza Mara abrirán mañá na praza de Macías, ás 22.30 horas, o Santiaguiño Fest Week cun espectáculo que mestura ópera, breakdance, beatbox e DJ. Xa o venres 22, animarán a festa no Espolón The Rapants e DJ Marcos Magán.

O sábado 23 as citas serán tres: primeiro Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e logo Monoulious Dop actuarán no Fondo de Vila, mentres que Sebastian Black o fará no paseo do Espolón a partir das 2.15 horas da madrugada.

Coincidindo coa volta do Gran Derbi Asnal, a animación iniciarase o día 24 á tardiña cun pasarrúas da charanga O Santiaguiño polo casco histórico e, dende as 22.00 horas, iranse sucedendo sobre o escenario do Espolón Os Deteriorados & Company, Pablo Balseiro & Los Cascarillas, Astray e DJ Matrek Show.

O día do Santiaguiño, luns 25, a festa trasládase ao monte de San Gregorio, onde dende as 15.00 horas os Festicultores Troupe farán gozar aos asistentes á romaría cos seus divertidos sons. Nenas e nenos converteranse logo nos protagonistas. Terán o seu propio festival infantil con música con DJ, festa da escuma e baño de cores holi para pasar unha tarde inesquecible.

20220725 cartel santiaguiño infantil

Por último, o concerto de Roi Casal poñeralle o broche de ouro ao Santiaguiño Fest Week a partir das 22.30 horas no Fondo de Vila.

Autobuses ao Santiaguiño

O Concello de Padrón pon autobuses para que as persoas con mobilidade reducida poidan subir ao Santiaguiño do Monte. Os buses sairán cada media hora da praza do Souto entre as 11.30 horas e as 15.00 horas pola mañá e enre as 17.00 horas e as 20.00 horas pola tarde. O regreso dende o monte efectuarase un cuarto de hora máis tarde de unha destas viaxes.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…