Print this page
-->

O Santiaguiño Fest Week trae a Padrón unha mestura de música folk, pop, rap, rock e sons da cultura urbana

O programa musical, enmarcado nas Festas do Santiaguiño do Monte, celebrarase do 21 ao 25 de xullo en diferentes escenarios  ||  

Vella Escola e Esperanza Mara darán o pistoletazo de saída ao cartaz con ‘Ópera Breaks’, un espectáculo que funde ópera, breakdance, beatbox e DJ  ||  

A música tradicional galega virá da man de Roi Casal e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre  ||  

Monolious DOP, Sebastian Black, Astray, o DJ Marcos Magán e o Gran Derbi Asnal figuran no programa  ||  

 

20220714 SantiaginoFestWeek Historie IGO Concello de Padrón celebrará este xullo por primeira vez o Santiaguiño Fest Week, unha aposta musical enmarcada nas Festas dos Santiaguiño do Monte que pretende non só encher de música as rúas do concello senón ofrecer unha ampla variedade de concertos destinados a diferentes públicos. Trátase dunha proposta innovadora que se desenvolverá en distintos escenarios e que traerá a Padrón ao longo de cinco xornadas concertos folk, pop, rap, rock e sons da cultura urbana. Todos os espectáculos serán gratuítos.

Os encargados de abrir a programación do Santiaguiño Fest Week serán Vella Escola e Esperanza Mara, que presentarán o seu último espectáculo Óperabreaks, o xoves, 21 de xullo, ás 22.30 horas, na Paza de Macías. Trátase dun espectáculo que mestura ópera, breakdance, beatbox e DJ. 

Xa o venres 22 tocaralle a quenda de animar a festa a The Rapants e ao DJ Marcos Magán.

O sábado 23 será o día da música tradicional galega. Xabier Díaz porá a alma sobre o escenario de Fondo da Vila, na compaña dos cantos e da percusión das mulleres de Adufeiras de Salitre. 

De madrugada, tamén en Fondo de Vila, tocará Monoulious DOP, unha banda en clave de rock, un proxecto musical que naceu no ano 2012 única e exclusivamente para internet. A actuación de Sebastian Black, pola súa parte, pechará a velada no Paseo do Espolón.

Xa o domingo 24 de xullo desenvolverase polas rúas do casco urbano unha das citas máis tradicionais e senlleiras desta data en Padrón: o Gran Derbi Asnal, que dará comezo ás 20.30 horas. A charanga O Santiaguiño poñerá a animación musical e, ao rematar o derbi, volverá a música aos escenarios de Padrón a cargo de Pablo Balseiro & Los Cascarillas, Os Deteriorados & Company, o rapeiro boirense Manuel Astray e o show do DJ  Matrek.

O cartel do Santiaguiño Fest Week pecharase o luns 25 de xuño, o propio do Santiaguiño,  coas actuacións de Festicultores Troupe e Roi Casal. Festicultores Troupe ofrecerá ás 15.00 horas no Santiaguiño do Monte un espectáculo baseado en música, humor, baile e, sobre todo, gañas de festa. Mentres, Roi Casal será o encargado de poñerlle o broche de ouro a este innovador festival co concerto que ofrecerá pola noite no Paseo do Espolón. E non se descartan máis sorpresas, pois o programa aínda non está pechado.

Organizado polo Concello de Padrón e Open Air, o Santiaguiño Fest Week conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…